• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

A patente do discurso

Ese desenvolvemento ordenado sobre un tema determinado que un orador pronuncia diante dun público cunha finalidade persuasiva, nacido da práctica social que os individuos realizan mediante os usos lingüísticos en contextos.

Ese desenvolvemento ordenado sobre un tema determinado que un orador pronuncia diante dun público cunha finalidade persuasiva, nacido da práctica social que os individuos realizan mediante os usos lingüísticos en contextos, tanto orais coma escritos que no léxico coñecemos por discurso, non sempre é autoría real da persoa que lle pon voz ou asina un texto. Detrás da figura que dá a cara, en moitos casos existe non só unha man que fai posíbel se non mesmo varias ou toda unha equipa que elaboran ese “proceso de pensamento en que aparecen, de forma ordenada, diversas ideas que expresan o que se quere dar a coñecer”.  Con certo risco, abofé. É comprensíbel que as persoas que se ven obrigadas a manexar unha intensa axenda de carácter institucional, política, empresarial, cultural e mesmo social conten con gabinetes que faciliten a súa labor de comunicación, parte fundamental do seu rol nun tempo histórico que mesmo coñecemos pola Sociedade da Información, con multitudes de canles que están emitindo sen parar mensaxes de todo tipo. Por iso, aquí non é criticábel a simboloxía da obra narrativa que García Márquez titulou “O coronel non ten que lle escriba”; aquí é parte fundamental a figura que na cultura clásica chamaron logógrafo: Retórico que escribía os discursos que os cidadáns gregos tiñan que pronunciar ante os tribunais para resolver os seus preitos. Fina definición do traballo profesional que tamén se coñece polo papel de “negro”. Opacidade, camuflaxe ou anonimato. 
Para alén diso, o escritor fantasma construtor de discursos fabricados coa meticulosidade do artesán da palabra que procura facilitar ao orador a colleita do aplauso nunha peza didáctica que leve bonitas palabras, unha atractiva historia e forza nas expresións, ben pode atoparse coa situación na que o destinatario do traballo, logo de tomar un inoportuno café con gotas, remate por retorcer o esforzo creador para dicir “España é un gran país e ten españois, moi españois e moito españois”, “é alcalde o que queren os veciños que sexa alcalde” ou “ás veces a mellor decisión é non tomar ningunha decisión, que tamén é tomar unha decisión”, definitoria dun estilo de xestión.
Por iso, cando falamos da patente na autoría dese modelo de oratoria de prestado, resulta ben atinada a opinión que ofrece un dos agochados escritores de discursos: “Existen crimes dos negros e outros que son cometidos polos xefes dos negros”. Así é.