• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

Paro, estatística e propaganda

Vén de chegar a nova información sobre datos estatísticos do paro rexistrado

Vén de chegar a nova información sobre datos estatísticos do paro rexistrado, facilitada polo ministerio do ramo, puntual e orientada á finalidade do momento que precede á configuración de estados de opinión electoral. Nada novo, é o sistemático proceder institucional do único país europeo que pretende amosar a realidade do desemprego en base a un rexistro administrativo. A cousa ten o seu aquel de enxeñería numérica ao servizo propagandístico do goberno de quenda.
Así, debe saberse que falamos dun procedemento estatístico que toma os datos da demanda de traballo existente no Servizo Público de Emprego, estudo do que se exclúe ás persoas que teñan algún tipo de emprego, mesmo que fose dunha hora á semana. Tampouco se ten en consideración a traballadores incluídos nun expediente de regulación de emprego; nin ás persoas que reciban algunha das prestacións económicas por desemprego e que participen en traballos de colaboración social; nin os demandantes de emprego conxuntural por período inferior a tres meses; nin os interesados en ocupar un posto de traballo por xornada semanal inferior a vinte horas. Nas exclusións aínda hai que sumar a dos demandantes de emprego asistentes a cursos de formación profesional ocupacional e a das persoas do subsidio agrario que cobran unha prestación por traballar poucas “peonadas” ao ano. 
Por iso non é de estañar que se produza unha diferenza tan avultada cos datos amosados no universal sistema de información laboral de emprego que representa a Enquisa de Poboación Activa, baixo control da metodoloxía Eurostat, fronte á capacidade de decisión do goberno no deseño do xeito de calcular o paro, baseado no sistema de información do SEPE. Enténdese como xeito de publicidade a favor do seu interese de imaxe pública, absoluto fraude na información real da situación laboral. Caso único na UE.
Nos demais países tómase o criterio da Organización Internacional do Traballo, coa inclusión estatística dos demandantes non ocupados. Pártese do paro rexistrado e súmanse os estudantes en idade laboral, os que rexeitaron unha acción de inserción laboral, os demandantes de emprego conxuntural, os que pretenden ocupar unha xornada inferior a 20 horas semanais e os eventuais do antigo PER. Aínda así non chega ás cifras da EPA, porén é máis axeitado para coñecer a realidade laboral que ben se ve que está lonxe dos datos edulcorados que nos facilita o goberno, á medida do seu interese propagandístico.