PARO E ACCIDENTES LABORAIS

Acita do Primeiro de Maio, universalmente considerado como Día Internacional do Traballo, no mundo laboral que nos toca en quenda vén marcada pola publicación da última Enquisa de Poboación Activa que amosa sen discusión a radiografía do fracaso da reforma laboral imposta desde a presión dos economistas obsesos da austeridade, executada submisamente por un goberno dependente do financiamento exterior e incapaz de artellar políticas de emprego que se consideren dignas de tal función. Datos que convidan ao pesimismo de cara os tempos vindeiros. Certamente, continúa a incrementarse o número de persoas demandantes de emprego que confían na xestión de servizo público do SEPA; e son moitos máis na realidade dos que buscan solución no exterior ou xa non manteñen a continuidade no expediente de demandante de emprego aberto. Nun mal contexto xeral, as galegas e galegos engadimos a condición de liderado na clasificación das comunidades españolas que, en proporción ao número de ocupados da poboación activa, perderon emprego neste primeiro trimestre avaliado na EPA, acadando por nós propios un cifra equivalente á metade de todo o incremento de paro totalizado no territorio estatal. Un dato a lembrar, pola súa dimensión social, no camiño das próximas eleccións ao Parlamento de Galicia que deben celebrarse no ano en curso, de xeito natural no calendario político institucional do pais ou cun anticipo non descartábel. 
O panorama descrito pola enquisa do Instituto de Estatística vai máis alá nos datos cualitativo que contan da gravidade do inmenso número de fogares onde a totalidade dos seus membros activos están en paro; da situación que afecta á mocidade que continúa invariabelmente a manter un nivel de paro do cincuenta por cento, conformando un desesperante cadro na chamada Zona Euro ao encabezar a relación dos países con máis alta porcentaxe de desemprego, agás o caso grego. Ao tempo é de considerar, coa conmemoración este 28 de abril do “Día internacional de saúde e seguridade no traballo”, o feito de Galicia ter batido marca de accidentes laborais o pasado ano, e de persoas mortas por esta circunstancia, nunha traxectoria consecuencia dos recortes na dotación pública para unha actuación preventiva que é desprezada polo poder político.
Precariedade, temporalidade, baixos salarios, diminución dos dereitos, represión da discrepancia,recortes e reforma laboral involucionista non é ambiente para festa. Todo o contrario, é tempo da reivindicación, de mobilización activa e da volta á causa do Primeiro de Maio obreiro. 

PARO E ACCIDENTES LABORAIS

Te puede interesar