• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

PAPÁ NOEL TRAERÁ AS URNAS

Coa atípica tramitación parlamentar dos Orzamentos Xerais do Estado, forzada pola necesidade política do Goberno Rajoy na procura de apurar o último chanzo que lle queda para cazar aos electores infieis á oferta do partido da gaivota, o calendario posibilista sitúa a cita das Eleccións Xerais nas mesma portas da festa do Nadal. E dicir, o foráneo Papá Noel, un paracaidista lanzado polo interese mercantil entre as filas da tracción occidental seareira dos Reis Magos, virá coas urnas na súa zorra. 
Agora entramos nunha nova fase da longa campaña electoral que vén saltando de plataforma en plataforma, como se dun moderno xogo de consola se tratase. Á chamada aos votantes andaluces que inaugurou o intenso ciclo anual, seguiulle a celebración dos comicios municipais e autonómicos que marcaron unha considerábel mudanza no mapa político institucional e agora o foco de atención inmediata está situado sobre o proceso plebiscitario catalán, de alcance imprevisíbel na propia dinámica xeral, porén moi relevante no encarreiramento do xeral posterior. 
Diante dun panorama aberto, enmarcado nunha manifesta tendencia que anuncia o fraccionamento considerable da representatividade futura nas cámaras das Cortes, especialmente na composición numérica dos futuros grupos parlamentarios do Congreso, entidade da que sae elixido o Presidente do Goberno; a utilización propagandística dos Orzamentos Xerais é unha ferramenta que resulta de enorme importancia para unha marca política lastrada polas políticas antipopulares do período, marcado a ferro por unha ficticia austeridade que trouxo paro, pobreza e desigualdade. 
Inténtase que ese fenómeno psicolóxico que coñecemos por “efecto recencia”; isto é, que a impresión última facilite a recuperación dunha base electoral que ten amosado unha clara disposición ao castigo, absténdose de repetir o voto de pasados procesos. Por iso, pouco importa xa a elegancia nas formas, o respecto a ética, impoñendo un orzamento electoralista que, con alta probabilidade, vai ser xestionado por un goberno de cor distinta. 
É o fenómeno do Cid campeador, continuar a labor aínda morto.  Non estrañe que, visto no fondo dos números, sexa un documento de ciencia ficción, pola irreal posibilidade de acadar os obxectivos enunciados; ao tempo que amosa o seu carácter antisocial, discriminatorio e inxusto para coas persoas máis desfavorecidas. É tempo de campaña electoral. Tómese coa debida precaución para evitar intoxicacións.