Pallasos diabólicos

Unha vaga de situacións provocadas por persoas vestidas de pallasos actuando en espazos públicos cunha actitude considerada diabólica ou sinistra, froito de cálculo publicitario ou pola intervención espontánea de individuos influídos polo efecto chamada das noticias sobre esta casuística, está a provocar unha histeria colectiva nos EEUU e nalgún outro país do mundo saxón. Neste asunto conxúgase a influenza dos novos medios de propagación da trasnada, canle do youtube; a proximidade do Samaín, popular Halloveen americana; a promoción de certo filme de próxima estrea; e, tamén a intención de buscar terror na xente. Ou algo máis.
Sen poñer en cuestión a gravidade da situación que provoca unha innegábel alarma social, xustificada dabondo como tal, non podemos deixar de considerar esa peculiar reacción primaria que semella marcar as pautas de comportamento da cidadanía norteamericana nos últimos tempos, exportábel as pautas da súa reacción política. Por iso, a decisión dunha moi coñecida marca multinacional de comida rápida, acordando deixar temporalmente sen función a un dos seus símbolos máis senlleiros, o pallaso Ronald McDonald, polo efecto que puidera ocasionar sobre a súa clientela é toda unha metáfora que caracteriza ao proceso electoral en curso.
Velaí, o planeta está desconcertado; e preocupado polo eco que está a causar entre boa parte desta xente a mensaxe de Trump que é catalogado polo xornalista de investigación David C. Johnston, premio Pulitzer, como “gran defraudador que ten ás súas costas un historial de negocios con xente mafiosa, estafadores e mesmo un coñecido traficante de drogas”. Lembra que non baixan de catro milleiros os casos de xuízos con traballadores aos que lle furtou salarios, empregados despedidos sen motivo, cidadás negros, asiáticos, latinos e mulleres aos que discriminou na súa actividade comercial; pequenas empresas provedoras as que arruinou ao non pagarlles o que lles debía; e, mesmo aos seus socios ou inversores nas diferentes aventuras empresariais aos que estafou. Todo iso, sen entrar a avaliar a catadura moral das súas declaracións e polémicas últimas. El só contra o resto do universo.
O elector americano medio, sintoniza coa súa provocación ao tempo que amosa resistencia coa candidata alternativa, Hillary Clinton, só entendíbel na extensión dunha fonda actitude patriarcal que non é capaz de asumir o papel dunha muller na presidencia. Situación de certa esquizofrenia social que esta a facer destas eleccións a campaña máis atolada da súa historia. Perigoso.

Pallasos diabólicos

Te puede interesar