O OCO QUE DEIXA O DIAÑO

Creo que os seres humanos, ao non asumir con plena conciencia o seus actos, crean demos. O diaño é un antigo viaxeiro que pon as experiencias da humanidade fronte a un espello. Ten moitas caras. Así expresa Alexander Kluge, referente fundamental do cinema alemán dos últimos cincuenta anos, a esencia que se contén no seu celebrado libro de relatos curtos, moi curtos, que leva por título “O oco que deixa o diaño”.  
Un feixe de historias brevísimas e de variada temática, ben colorista, por certo, que teñen como fío común ese feito de sinalar os ocos demoníacos polos que o Mal entra impunemente. Kluge, sen pretensión de facer algo que deixara á xente coa boca aberta e os ollos estirados ao límite, o que fai é mostrar o que a casualidade, a miseria humana, a fatalidade e a máis inhóspita amoralidade poden provocar cando estas variables son manexadas polas forzas misteriosas da maldade. As diabólicas.  
Un rigoroso estudo avalado por esa factoría de ideas que responde á sigla de Fedea, autoría dun prestixioso académico da Universidade de Zaragoza, colle prestado o título da obra de Kluge para expresar este outro “oco que deixa o diaño”: arredor da metade das rendas procedentes do capital e das actividades empresariais escóndese á Facenda en España no IRPF.  E iso representa unha contía arredor de vinte mil millóns de euros. Unha pasada, con grave efecto sobre as necesidades dun Estado que ataca ás políticas do benestar e ás dos servizos básicos para a xente.
O traballo de Fedea aínda sinala documentalmente outro efecto máis grave, o conxunto total da fraude. Ao da renda, sumándolle o do Imposto de Sociedades e o do Valor Engadido, eleva a cifra total ata ao 4% do Produto Interior Bruto; e dicir, corenta mil millóns de euros. Unha situación de manifesta inxustiza social na que o Goberno mira para outro lado e deixa facer. En boa parte por tocarlle á súa base electoral e non estar interesado en afondar en medidas que eviten a fraude.
Curiosamente, o último informe sobre a economía soterrada, liderado por un acreditado experto austríaco vén a demostrar que o seu nivel sobre o PIB descendeu fortemente. Boa noticia. A mala é que este descenso non ten que ver coa eficacia na loita contra a fraude fiscal nin, por suposto, co arrepentimento dos defraudadores. É unha consecuencia máis da crise. Esa que Rajoy di ter rematada.

O OCO QUE DEIXA O DIAÑO

Te puede interesar