O solsticio no emprego

Atravesamos de chego as datas do solsticio de inverno, ás da noite máis longa de cada ano. Tempo metafórico de escuridade e tebras. Un ciclo que na simboloxía da situación social é de longa noite de pedra para o mundo do traballo. Unha constatación que levou, nos pasados días, á Comisión Europea, propor “novos dereitos mínimos laborais para mellorar a transparencia e previsión das condicións contractuais de traballo” para esa insolidaria lacra de contratos precarios, caso dos ocasionais ou contratos por horas, mesmo os de “cero horas” aseguradas ou para o persoal doméstico; aos que hoxe en día están afastados das normas comunitarias de protección.
Un recoñecemento inevitábel à situación límite que se vive nos novos modelos de relación laboral; especialmente no ámbito estatal español, un dos máis abusivos na casuística de precariedade. Mágoa que esta chamada de atención, que vén dende o entorno europeo, non tivese practicamente eco algún, perdida na maraña informativa do proceso electoral catalán e do seu resultado demostrativo dunha realidade que precisa de acción política para resolver un conflito social e de identidade nacional, indiscutíbel e asumida pola súa xente. O enredo na comunicación suma o balbordo que puntualmente chega coa tramposa ilusión óptica producida co tratamento que se lle dá aos gañadores da lotaría de Nadal; unha gran operación de captación de recursos atípicos, a xeito de imposto acochado, que contribúe a encher as arcas da facenda pública. E aínda fica por citar, entre os elementos que desvían atención sobre problemas reais, o clásico dos enfrontamentos futbolísticos que ocupan atención e suman rico negocio publicitario á televisión.
Porén, o problema laboral e social fica aí.  Á demanda da directiva comunitaria, un xesto carente de eficacia ata que exista unha verdadeira Carta Social Europea, opónselle o último “acordo social” entre o goberno estatal e algúns dos considerados axentes sociais respecto do salario mínimo, distante dos acordos parlamentarios que piden unha máis grande contía. Imprescindíbel nun estado de cousas que amosa cada vez máis pobreza no nivel retributivo, abuso nos modos de relación laboral, explotación nos horarios reais de traballo e fraude na conversión de funcións estábeis e fixas nas de “falso autónomo forzado” para reducir dereitos e trocar en temporalidade. É o solsticio no emprego que, de non variar o rumbo dos últimos anos, vai lastrar de futuro á propia economía xeral, privándoa dos recursos básicos de crecemento.