• Martes, 24 de Octubre de 2017

O gas tóxico de Trump

Esta parte do mundo formada pola xente civilizada, responsábel,

Esta parte do mundo formada pola xente civilizada, responsábel, e consciente da súa obriga para evitar a catástrofe que pende sobre o planeta Terra na súa andaina imparábel de cara a un clima insoportábel, en boa parte causa da insensata actuación humana, celebra o Día Mundial do Medio Ambiente baixo o lema “estou coa natureza”. Compromiso necesario. Sen embargo, o temerario inquilino da Casa Branca ten decidido amargar esta celebración, anunciando a peor das novas: Estados Unidos afástase do acordo internacional en contra do cambio climático que, ao entender do seu presidente, é un concepto “creado por e para os chineses”. Mala nova temida. Víase vir.
Donald Trump, o devandito señor do que falamos, un trasnoitado Rodríguez que pasa as noites en soidade, no canto de xogar ao sudoku mata o tempo libre lanzando chíos á única rede social que ten instalada no seu teléfono móbil, mesmo creando palabras que causan balbordo ata converterse en fenómenos de intriga na opinión pública por máis que non pasen dunha precipitación na escrita ou vai ti a saber se consecuencia do efecto perverso do consumo abusivo de bebidas non recomendables para unha boa saúde. Ese comportamento típico dos fervellasverzas emitindo mensaxes curtas con aparente descontrol, ben puidera ser un xeito para probar a reacción que provocan. No tema do clima, vese que a xente da América retrógrada bebe da mesma filosofía interesada en negar a súa responsabilidade no quentamento planetario. Aínda así, coa saída americana do Acordo de París, subscrito en 2015 por preto douscentos Estados, non sería a primeira vez que abandonan un pacto; fixérano co chamado compromiso de Kioto; casualmente tamén baixo presidencia republicana. Sempre nos quedará un chisco de esperanza, porén as palabras do comisario Arias Cañete, afirmando “o mundo pode contar con Europa para manter o liderado climático”, non invitan á confianza sabendo que o principal emisor de gases de efecto invernadoiro á atmosfera considera este asunto como unha brincadeira.
Por iso, a efeméride impulsada pola ONU que celebramos cada 5 de xuño, este ano capitaneada polo Canadá, busca a conexión das persoas coa natureza, animando ao gozo do ar libre para reflexionar sobre o moito que dependemos do medio ambiente. Entre nós, alertando da devastación dos eucaliptos e procurando rías libres de vertidos contaminantes. O futuro do medio natural está en alerta vermella; agora agravada co gas tóxico de Trump.