• Sábado, 25 de Noviembre de 2017

O efecto da espiral

Atribúese ao Santo Agostiño a seguinte manifestación de principios para abordar o tratamento dun asunto

Atribúese ao Santo Agostiño a seguinte manifestación de principios para abordar o tratamento dun asunto; expresado na consideración de que “catro cousas hai aquí: o nome e a cousa; o coñecemento do nome e o coñecemento da cousa. Velaí, o nome é “espiral”, substantivo feminino que fala dunha curva non plana con aspecto de hélice ou mesmo dunha outra si plana descrita por un punto que xira arredor doutro, apartándose continuamente segundo unha lei determinada, característica para cada tipo de espiral. A cousa é a súa versión sociolóxica da sucesión crecente e imparábel dun ciclo de violencia sen límite que vai collendo máis dimensión nunha sociedade sometida á imposición dun estado de coacción.

Aquí cabe falar da “espiral do silencio”, teoría de ciencias políticas e da comunicación proposta pola académica alemá, Elisabeth Noelle-Neumann, sobre o proceso de creación de estados de opinión pública dominante que avalía o papel dos medios de comunicación máis poderosos á hora de configurar o comportamento das masas, silenciando ás voces discrepantes. Iso é así ata que un “núcleo duro” de opinión alternativa é capaz de propagar unha outra corrente de opinión por ofrecer argumentos e razoamento imposíbeis de ser contestados polo pensamento orientado.

Vén a conto a reflexión de István Mészáros, filósofo húngaro falecido este pasado primeiro de outubro na mesma capital británica que o acollera, e na que impartiu docencia, desde o seu exilio por causa da invasión soviética ao seu país, en 1956; en cita tirada da súa obra “A teoría do alleamento en Marx” para asegurar: “O alleamento da especie humana, no senso fundamental da palabra, significa a perda de control, a súa mutación para pasar a formar parte do corpo dunha forza alienada que confronta ao individuo como un poder hostil e potencialmente destrutivo”.

Por iso, no libro “O movemento espiral”, do psicólogo Óscar Mateo, faise aceno á simboloxía desta figura xeométrica entre as culturas primitivas. Para as persoas que viviron no tempo prehistórico este debuxo, moi presente nos gravados rupestres que abondan pola xeografía galega, é con certeza representación do ciclo do nacemento, morte e renacemento. É o Sol, astro fundamental do sistema planetario, que nace pola mañá e morre á noitiña para retornar novamente ao día seguinte.  Metáfora, á do renacemento á vida, que asegura un camiño futuro de saída ao efecto da espiral no conflito catalá.