NÓS NO MUNDO

Nós no Mundo, é unha publicación do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, que vén de colgar no espazo en rede do Igadi, para ser descargado de balde, o informe anual sobre a acción exterior da comunidade galega. Nas 56 páxinas deste We in the World, en galego para alén do título da revista, o feixe de colaboradores abordan o estado da cuestión que fica sintetizado na escolla do título colectivo, para avaliar “A ruta da acción exterior de Galicia: do ambicioso Libro Branco a un pudoroso decreto”. Certeiro.
Así, Xulio Ríos, o factotum desta institucións que opera como think tank en materia de proxección internacional do noso país, autor de “O declive da acción exterior de Galicia”, afirma que “o decreto aprobado pola Xunta desenvolve a Lei de Acción Exterior do Estado pero dálle as costas de forma deliberada e consciente a Galicia” ao basearse “na práctica exclusividade da internacionalización económica e a conseguinte desatención a outras dimensións, amén dunha clara vontade de submisión ás orientacións do goberno central neste eido”, co argumento da coordinación, “renunciando de facto a calquera intención de influír en positivo e apostando por destacarse no escrupuloso e absoluto respecto da normativa vixente”. Engade: “xa non só é que non se valore a acción exterior como debería, senón que en ocasións se levan a cabo campañas pensadas para restar valor ou converter esa acción exterior en algo insignificante”. 
Unha viaxe cara atrás, mesmo retrocedendo a cotas inferiores á política exterior seguida polo goberno galego naquel 10 de setembro de 1991 no que se constituíu este Instituto, independente e asentado sobre a participación voluntaria de socios e colaboradores conxurados no labor de reflexionar sobre as tendencias internacionais e as súas consecuencias para esta Terra, elaborando propostas e alternativas para colocar a Galicia no mundo.  
Vai alá un cuarto de século dunha traxectoria que deixa atrás unha entidade consolidada, cunha constelación de organizacións complementarias: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fundación Plácido Castro, Observatorio da Política China, varias cabeceiras de publicacións temáticas que se editan con rigorosa puntualidade a labor de divulgación, estudos e documentación que forman o Cidic, sen esquecer a fundamental achega na confección do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia. Vodas de prata dunha iniciativa que é acredora do recoñecemento social. Parabéns.  

NÓS NO MUNDO

Te puede interesar