Navegar mares de alburgada

Alburgada é aquilo presentado por alguén como verdadeiro sabendo que non o é, para enganar á xente. Este substantivo feminino, sinónimo de mentira, embuste, trola, ofensa e outras acepcións, é a verba clasificada en terceiro lugar na escolla da palabra galega do ano polos electores que participaron da iniciativa do Portal das Palabras, impulsada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Mágoa do resultado. A súa equivalente no idioma de Shakespeare, post-truth, un neoloxismo que na lingua da meseta española chaman “posverdade” foi a gañadora do concurso convocado polo Dicionario Oxford, nesta onda da modernidade que leva aos coidadores de palabras a participar dun xeito de combate léxico.
Aquí, na competición da RAG, a gañadora foi “irmandade” que se beneficiou da conmemoración do centenario da fundación das Irmandades da Fala polo que na opinión académica enténdese que a súa escolla como vencedora no partido dos vocábulos foi a mellor opción que puideron escoller os votantes para lembrar a efeméride do galeguismo precoz que nace con ese espírito de fraternidade ata o límite de considerarse entre si os membros como “irmáns, e con ese apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida”. Un trato que continuaría nos posteriores tempos do nacionalismo político; marcando a intensidade de relación do compañeirismo; iso que outros chamaron ser camaradas. 
Lembran desde a Academia que “irmandade comeza a aparecer arredor do segundo decenio do século XV, en documentos notariais, principalmente como unidade administrativa, como federación de municipios. E posteriormente arredor desa idea de unión ou relación estreita xurdirán novos significados, entre eles os relativos á asociación de persoas que teñen os mesmos ideais, a mesma crenza en determinada materia”. Foi o caso das Irmandades da Fala.
O refrán “cales palabras me dis, tal corazón me pos”, vai ben con irmandade; xa non tanto coa que ficou no segundo lugar, porcoril, estraño cruce de porco e xabaril que semella nacido dunha mutación xenética, aínda non incluída no dicionario e polo tanto necesitada do control de dopaxe que debería elevar a presenza no podio de “alburgada”, moito máis pola importancia que está representando a súa pegada sociolóxica nas modernas canles de comunicación en rede nas que cada vez é máis difícil navegar por eses mares cheos de falsidade e intoxicación orientada a crear estados de opinión a favor de interese perverso. 

Navegar mares de alburgada

Te puede interesar