• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Navegar augas descoñecidas

Oambiente político e social no ámbito estatal semella ter explotado unha vez sobrevivimos a ese certo simulacro de paz que representan as festas do Nadal. Agora, xa sen disimulo, asumimos as condicións lóxicas agardadas detrás dun proceso electoral e do seu resultado que configurou unha representación parlamentaria, no Congreso dos Deputados, sen maiorías absolutas, mesmo imposibilitando a configuración fácil dun novo goberno que de ser posíbel será froito de acordo entre varios actores políticos, mesmo partindo desde posturas programáticas distantes entre eles.
É moito dicir iso da tregua do Nadal. Aquí, nestes tempos de enredo, xa non se respecta a figura da “tregua de Deus”, institución medieval que prescribía uns días determinados do ano durante os que estaban prohibidas as loitas armadas. A cousa non vai de comportamentos seguidores das normas de cabalería ancestral, certamente non. Nesta época non hai festas de gardar. Véxase, se non, a parva campaña a respecto de vestimenta das cabalgatas e do sexo dos Reis Magos.
Confusión orquestrada nunha campaña de tótum revolútum, con temas intranscendentes, que buscan desviar a atención da opinión pública, de xeito que non poña foco nas grandes preocupacións sociais; e, mesmo, nos asuntos puntuais de gran interese polo que significan para a totalidade da poboación. É así como se entende o pouco tratamento xornalístico dado ás subas experimentadas ao comezo do ano en servizos básicos, á negativa evolución da contratación laboral que continúa a marcar cifras máximas de precariedade e temporalidade ou noutra ringleira de asuntos deste calado. O efecto contaxio chega ás mesmas redes sociais que operan con mimetismo a respecto da axenda establecida polos grandes medios de prensa. É o que hai. 
Así e todo, vivimos un tempo histórico de mudanza, de cambio que anuncian transcendencia. A tensión é notoria e pálpase no espazos inéditos, polos que nunca antes se ten camiñado. “O mellor do mar é o que aínda non temos navegado”, metáfora dun poeta turco utilizada polo novo presidente de Cataluña na cerimonia da toma de posesión do cargo é certeira expresión da etapa nova que toca agora. 
Mudanzas inevitábeis na organización territorial do Estado e troco no estilo de xestión política que precisa de diálogo, negociación e acordos que traerán consensos necesarios para rectificar vellos tics e prácticas autoritarias. Ábrense páxinas en branco nun relato que está por escribir. Época de oportunidades, paixón e certa vertixe. Porén, para mariñeiros nós.