• Sábado, 25 de Noviembre de 2017

MULLERES EN PÉ DE VIDA

Bravas, incansábeis e forxadas na dificultade de sobrevir en tempos moi difíciles. Mulleres en pé de vida que a xornalista Montse Fajardo, militante na causa da memoria histórica, retrata con devoción en “Matriarcas”, un libro imprescindíbel para achegarse ao relato de vida de dez galegas que representan, en cadansúa traxectoria persoal, ás milleiras de nais que foron quen de superar ás mil e unha probas, ao límite da resistencia, que tiveron de afrontar para saír adiante na vida.
Á vista da próxima conmemoración do Día dos Mártires cívicos que teñen na figura de Alexandre Bóveda a bandeira do recoñecemento ás vítimas da barbarie que encheu de morte criminal ás beirarrúas das estradas, aos cemiterios e aos outeiros do País; as mulleres que foron obxecto de aldraxe, persecución e castigo por ser esposas de perseguidos, condenados ou paseados, eufemismo de morte homicida infame, aínda teñen pendente recoñecemento e gratitude na dimensión que realmente corresponde coma damnificadas dun esquecemento por partida dobre.
Foi de certo, no ámbito acalado da casa familiar ou na ocultación cómplice dun ambiente social metodicamente intoxicado, como se agochou a práctica sistemática de tortura e presión psicolóxica tendente a crear un ambiente de terror, fundamento da estratexia dos militares sublevados en golpe de estado contra a lexitimidade dun réxime democrático popular. Para iso, ás esposas, fillas, irmás, mesmo ás avoas ou nais dos escollidos para seren escarmentados, fosen con ou sen xuízo sumarísimo e con morte ou cárcere, fíxoselles escarnio a medio de rapa do pelo, marcas de pintura no corpo, humillación diante da xente coa tatuaxe de sinaladas e, mesmo, violencia sexual. Un inferno que nalgún caso rematou coa resistencia das vítimas, levadas ao suicidio ou a internamento nos manicomios da época. Casos sobre os que se botou terra para tentar borrar unha actuación que é crime de lesa humanidade, con impunidade dos torturadores.
A memoria desas mulleres valorosas, insubornábeis e vitais na defensa do patrimonio da dignidade humana e dos valores da convivencia democrática non pode agardar debida satisfacción na Lei de Memoria Histórica que tan pouco interese semella en ser cumprida. 
A posta en valor das condutas derivadas da heroicidade cotiá que superaron a resistencia á represión que seguiu ao alzamento militar de Franco, convertido en ditadura opresora, é necesidade que atinxe a toda a sociedade para verse orientada por ese modelo das mulleres en pé de vida.