• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

MONO DE LUME


 

Os chineses veñen de celebrar a entrada do aninovo que, para eles, iniciou a súa andaina este pasado 8 de febreiro. Acontecemento tradicional nunha cultura milenaria que xa vai polo seu ano número 4714, dobrando na cifra do seu cómputo ao occidental que, sen embargo, é o que se toma como referencia a nivel mundial. Na práctica, tamén na China que non deixa de aproveitar esa data que aquí chamamos Noitevella para celebrar, eles tamén, unha festa de fin de ano. Para conxugar esa aparente contradición entre tradición e modernidade, a sutileza das palabras fai que á do oito de febreiro se lle chame Festa da Primavera. Festa rachada onde as haxa, iso si.
Nesta outra parte do planeta, da que formamos parte, a numeración cardinal dos anos está nun antes e despois do nacemento de Cristo. Para descrédito do regulador non deixa de ser un sarcasmo que, precisamente Cristo, nacese formalmente antes de iniciar a súa era. É dicir, se o Divino Salvador naceu o 25 de decembro, cousa historicamente nunca probada, este acontecemento sucedeu seis días antes de iniciar o computo que agora expresamos como d.C. Un paradoxo máis da evolución histórica de certas cousas marcadas por decisión políticas que foron configurando o relato á medida do interese dominante ata deturpar a verdade do sucedido. Por iso, no occidente tamén se coñece como Ano Novo Lunar chinés á conmemoración desta semana que é coincidente coa Lúa Nova no calendario lunisolar que marca a entrada do aninovo nesta cultura popular herdeira da devoción polo universo rural. Así, non existe a mesma regularidade a respecto da entrada dos novos anos. No occidente sucede regularmente cada primeiro de xaneiro. No ámbito oriental é variable, depende da lúa nova que media entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera. É a natureza a que marca o ritmo da vida.
Marca simbólica que se completa coa advocación asociándoa a unha figura do Horóscopo Chinés que conta con doce animais de referencia. Este é o ano do Mono de Lume, toda vez que ao animal considerado engádeselle unha variable relacionada con cinco diferentes elementos da natureza de xeito que non se repetirá esta mestura ata pasar outros sesenta anos máis. Combinación que leva implícito un código encriptado que informa do devir futuro. Á vista do enredo financeiro internacional actual, non vai ser boa cousa o que trae este Mono de Lume.