Minaría depredadora

A veciñanza dos concellos coruñeses de Touro, do Pino e da súa contorna están alporizados, mobilizados e alarmados polo proxecto mineiro, financiado por unha empresa de capital multinacional, que pretende utilizar unha vixente explotación para convertela nun macro negocio de minaría depredadora a ceo aberto partindo dunha singular concesión de preto a cento vinte e dous quilómetros cadrados cunha autorización que remataría en 2068; aínda que a proposta que se presenta agora é só para setecentos mil metros e dezaseis anos de actividade. Os efectos ambientais, de toxicidade para a poboación local e de contaminación de acuíferos e regatos é tema moi preocupante dado que o río Ulla e, por afluencia, a Ría de Arousa resultarían afectados.
O escurantismo co que se ten levado o asunto, a contraditoria información que subministran os portavoces do negocio mineiro nos encontros coas xentes do lugar, facendo un discurso á carta para calmar os medos mais pouco críbel a respecto da intención; a pasividade que por veces é un xesto cómplice de tolerancia e plácet das institucións e autoridades locais e certo tratamento informativo levan a reproducir un modelo común na xénese deste tipo de iniciativas: Promesa de creación de emprego que nunca chega superar á metade do sinalado como obxectivo no plan proclamado; diminución do impacto ambiental no pertinente estudio que deben presentar por mandato legal, logo multiplicado na realidade das actuacións posteriores ata límites nunha imaxinables; construción dun encoro para lodos que deixaría perante moitos anos produtos químicos de grave risco para a saúde humana. E outros moitos aspectos negativos.
O accidente producido por un helicóptero que guindou ao chan un grande e pesado aparello tecnolóxico, por causa de voar a unha escasa altitude sobre a superficie do terreo na labor exploratoria deste xacemento de cobre, é un bo presaxio dos tempos de sobresalto que lle agardan ás persoas que viven nese espazo territorial, densamente poboado ao atoparse apenas distante vinte e cinco quilómetros de Compostela. A noticia, traída á prensa nos pasados días, do novo achado de “lindano” no solo urbano de Porriño, pasado medio século do seu soterramento, é outro elemento que suma temor polos demorados efectos velenosos e canceríxenos que fican detrás deste tipo de intervencións de consecuencias tan imprevisibles como probables.
É tempo de tomar decisións con sentidiño, de respectar o medio natural e da vida no rural. Evitar futuras catástrofes. 

Minaría depredadora

Te puede interesar