• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Metafísica da xaqueca

Esa dor de cabeza, frecuente e crónica, que coñecemos por xaqueca, unha palabra de raíz arábica, é unha enfermidade presente na humanidade desde a súa orixe.

Esa dor de cabeza, frecuente e crónica, que coñecemos por xaqueca, unha palabra de raíz arábica, é unha enfermidade presente na humanidade desde a súa orixe. Agora sabemos que se trata dunha doenza que afecta negativamente á actividade cotiá das persoas que a padecen. Ás veces é confundible coa cefalea, de carácter máis puntual,  porén teñen unha diferenciación na duración, esta última é máis curta; e no comportamento, coa cefalea as persoas afectadas non achan parada, no entanto coa xaqueca queren ficar inmóbeis, á procura dunha certa hibernación. No ámbito metafísico, a dor de cabeza é indicio de preocupación angustiosa con determinadas situacións que representan un carácter perturbador. Xusto a que soporta a cidadanía galega pola submisión do presidente da Xunta diante do enredo tramposo do Ministerio de Fomento.
Velaí a estafa, por partida dobre. Dun lado o atraso, coñecido e calculado para alén da propaganda contraria, que sofren as obras da rede de alta velocidade ferroviaria, na súa conexión coa capital do Estado; e, máis preto, a negativa a transferir a titularidade da Autoestrada do Atlántico. Neste último caso, partindo dun acordo unánime do Parlamento galego, a decisión de Feijoo, no seu plano simbólico, é polo que representa de capitulación facendo abandono da defensa do lexítimo interese propio, unha mostra de indecencia no exercicio da función representativa que lle outorgou a xente. No plano práctico certo é que coa concesión prorrogada, ata mediados do presente século, por setenta e cinco anos desde a inauguración da AP-9 a ese conglomerado de fondos de investimento internacionais que coñecemos por Itínere, o rescate para o total control público e a gratuidade do seu uso é un dereito que por igualdade de trato corresponde afrontar a Fomento, do mesmo xeito que se fai coas quebradas radiais madrileñas. 
A xestión da obra do AVE é un caso ofensivo de fraude política e social polo que representa de perda de oportunidade económica. Atrás quedan anuncios de finalización e propaganda carentes de realizacións, artimañas das construtoras para sangrar ao erario público con modificados chantaxistas en obras nas que apenas se ten gastado a metade da dotación do investimento previsto e moito descaro engañoso na información institucional. Porén, o asunto resúmese nunha viñeta do Carrabouxo “Señores pasaxeiros, tren AVE procedente de Madrid con destino a Galiza, que tiña a súa chegada en 2012, vén cun atraso de 9 anos”. Ou máis. Paralizante xaqueca.