Memoria de rebeldía e dignidade

con moito boato protocolario, suceso xornalístico e certa polémica non exenta da súa razón de ser, o Congreso dos Deputados celebrou un solemne acto de honra e lembranza ás figura relacionadas con ese tránsito doloso que posibilitou a configuración dun sistema de representación parlamentaria, soportada sobre principios teóricos de elección libre e democrática, a partir do réxime franquista, agora por fin catalogado de ditadura en palabras do actual monarca reinante, por medio dun proceso tutelado pola garda pretoriana do vello sistema totalitario, que evidencia un resultado no que as costuras daquel traxe feito a medida están a rachar sen remedio.
Este acto en sede parlamentaria, á par da incomprensíbel imaxe da condecoración a responsables políticos de sucesos de represión a demócratas con resultado de morte violenta, deixa a sensación do absoluto esquecemento das persoas que realmente forxaron a ferramenta de presión, na rúa e nas fábricas, que empurrou definitivamente o vehículo da restauración democrática, nun estado de mobilizacións que foi imposíbel de parar polas forzas reaccionarias, radicalmente opostas á mudanza que coñecemos pola expresión de transición. Inxusto e ingrato xesto de desmemoria para coa xente que arriscou seguridade e peculio pola causa democrática.
Atinada metáfora, verso da desmemoria, coa andaina por unha ruta de lugares, feitos e figuras que completa un curso de verán realizado pola Universidade da Coruña coa colaboración do Instituto Galego de Historia, a revista Murguía e outras asociacións, entidades e fundacións consagradas á memoria histórica democrática ou a figuras vítimas da represión ás que por lei corresponde recoñecer o seu papel de resistencia e fidelidade ao mandato democrático, en moitos casos acatado por acto de promesa solemne sobre exemplar da constitución plebiscitada. É noso deber, rehabilitar a figura humana e social das vítimas do franquismo, desas persoas que soportaron aldraxe, persecución ou morte desde o escarnio público a medio de fraudulento xuízo sumarísimo, carente de toda lexitimidade, con fusilamento cerimonial; desde a morte agochada no criminal paseo que sementou de cadáveres as beirarrúas das estradas galegas ou mesmo desde a canalla actuación coordinada de grupos civís e militares que acurralaron, ata producir a súa morte, a sindicalista e militantes de organizacións políticas populares. É o caso das catro vítimas mortais de Loenzo, Vilagarcía, honradas coa divulgación da súa historia. Coa memoria do seu acto de dignidade e rebeldía é polo que aseguramos os valores dunha sociedade democrática.

Memoria de rebeldía e dignidade

Te puede interesar