MEMORIA DA TRIBO ARRAIANA

É mérito indiscutible da Asociación de Amigos do Couto Mixto, un fato de persoas devotas da memoria histórica e social, a posta en valor dos atributos singulares e das peculiaridades culturais que caracterizan aos pobos desa fronteira virtual, imaxinaria e, ás veces, fantasmal que, no pasado, pretendeu separar, sen conseguilo de certo, ás xentes dese territorio do mundo rural galego e portugués que coñecemos por A Raia.  
Os preto de trinta quilómetros cadrados, regados polo río Selas, que conforman o triángulo dos lugares de Santiago, Rubiás e Meaus, ocupando espazo limítrofe dos concellos ourensáns de Calvos de Randín e Baltar, é o símbolo que trae ao recordo aquel País dos Mixtos que, en tempos do baixo medievo, soubo tirar proveito da habilidade dos nosos paisanos para atopar na Casa de Braganza, por unha banda, e no Bispado de Ourense con apelación puntual e interesada á protección dos Condes de Lemos e Monterrei, pola outra, os privilexios que lle son propios ás zonas neutrais, territorio de soberanía compartida, algo semellante ao paraíso fiscal para súa época.
Así, ata que o Tratado de Lindes de Lisboa, nos anos que seguiron a 1864, puxo trazo final á fronteira, deixando aos lugares do Couto no ámbito galego, en troques de outras freguesías promiscuas que pasaron ao dominio portugués, os habitantes desta especie de república singular estaban exentos de tributar ás facendas, participaban de balde nas feiras e mercados, non prestaban servizo militar obrigado e optaban libremente por asumir a nacionalidade dun ou doutro lado da raia, identificada na porta de cada casa coas iniciais correspondentes.
Un camiño privilexiado que os unía con Tourém permitía a circulación franca de persoas e mercadorías no espazo fronteirizo.  
A memoria de liberdade desta tribo, un ano máis, vai ser actualizada coa cerimonia que congregará aos amigos do Couto no atrio da Igrexa de Santiago, o mesmo lugar no que secularmente se xuntaba o parlamento das persoas representativas dos tres lugares, baixo a presidencia do Xuíz elixido para gobernar, arbitrar litixios ou promover normas e condutas.
Una vez máis, os “Homes de acordo”, un por cada lugar citado, chegarán con cadansúa chave por se resulta preciso xuntalas para abrir a Arca de Madeira, o valor simbólico dunha aparente artesa de carballo, depositaria dos novos documentos e títulos que se foron achegando coa recuperación da tradición histórica. Sumarán novos Xuíces Honorarios, valedores de fiar na causa dos pobos arraianos.

MEMORIA DA TRIBO ARRAIANA

Te puede interesar