Maratón electoral

Sabido é que a expresión maratón ten a ver coa disciplina do atletismo. A da carreira máis longa, esa na que deben percorrerse máis de corenta e dous quilómetros. Moita carreira, si señor. E iso é o que vai acontecer en materia electoral no ano que vimos de estrear. Andando como estamos no proceso de eleccións sindicais nas empresas, con arranque no pasado trimestre e traxectoria para o ano actual; contamos no programa coñecido coa celebración dos comicios autonómicos e locais que teñen cita para maio.
E, por lóxica aritmética, as eleccións xerais deberán ser antes de que remate o ano.  Porén, ás citas previstas do almanaque debe sumarse a decisión de celebrar eleccións en Cataluña no primeiro domingo de outubro. Unha chamada á participación cidadá que vai dentro da tensión creada polo proceso de soberanía, acordado entre as forzas nacionalistas coa máis numerosa representación no Parlamento. É seguro un gran debate no conxunto do Estado á par de colocar nun incómodo papel ás organizacións políticas emerxentes a respecto da reclamación do dereito a decidir que está no fondo do movemento social que forzou este xeito de plebiscito.
Coas autonómicas e locais de maio, ás xerais de fin de ano e as anticipadas de Cataluña do outono van tres. Por si fosen poucas, os agoireiros que se din informados falan da convocatoria adiantada das eleccións andaluzas para marzo. Con argumentos e consideracións que teñen boa lóxica. Para comezar, a busca dun pretexto que permita rachar a coalición de goberno antes de que o socio minoritario poida decidir, en referendo comprometido para mediados o ano, a súa continuidade ou non. Máis vale anticiparte preventivamente, non vaia ser, debe pensar a presidenta con capacidade para anticipar convocatoria.
Ela mesma ten o seu calendario vital condicionado á maternidade en curso que remata de anunciar á opinión pública. Máis alá da primavera xa non gozaría de capacidade física para soportar un proceso electoral. Un adianto agora colle desorganizados aos rivais. Nun caso por non ter tempo para completar o labor de artellar equipo. No outro, a do Partido Popular, pola falla de popularidade do seu novo referente público e polo efecto castigo, en todas as citas coas urnas, que se agarda para a política de recortes do Goberno Rajoy. Con catro citas electorais de calado, marca olímpica. Mudanza á vista

Maratón electoral

Te puede interesar