• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

A mala conciencia

Nos pasados días, iso que chamamos “a humanidade” veu celebrar A Hora do Planeta

Nos pasados días, iso que chamamos “a humanidade” veu celebrar A Hora do Planeta cun xesto simbólico: apagar a luz durante unha hora en edificios singulares; medida impulsada por unha entidade comprometida na divulgación do medio ambiente de agrado para o sector económico dominante. Tamén conmemoramos o Día Internacional dos Bosques como oportunidade de concienciar sobre a importancia de ecosistemas boscosos, das árbores e das matas forestais na súa función de aporte da renovábel “dendroenerxía” como medio de mellorar a vida das persoas, fomentar o desenrolo sostíbel e mitigar o cambio climático.
É a mala conciencia desa humanidade que traslada a responsabilidade por non poñer coto á desfeita sobre o medio natural producida polas políticas enerxéticas, industriais e de procura de lucro económico, especulando co futuro da xente. Velaí, tamén, a efeméride do Día Mundial da Auga que completa este “tres en raia” da incomodidade social polo dano causado; transformado por maxia en día de celebración.
Na chamada á reflexión sobre a problemática do líquido elemento, a Naciones Unidas informa de que máis de 600 millóns de persoas non teñen acceso ao servizo de auga potábel; en moitos casos polo efecto da contaminación, resultando urxente o seu tratamento para ser usada sen risco. Lembra a organización que o consumo de auga que non recibe tratamento é aínda a causa de morte de millóns de persoas.
Preto a dous mil millóns de habitantes utilizan unha fonte de auga que está contaminada con materia fecal e cada día arredor dun milleiro de nenas e nenos morren por causa de enfermidades diarreicas curábeis relacionadas coa auga e o saneamento. Aínda máis, catro de cinco partes das augas residuais resultantes da actividade humana van parar a ríos e ao mar sen eliminar antes os contaminantes.
Por iso para cumprir os Obxectivos de Desenrolo Sostíbel das Nacións Unidas fíxanse seis metas á procura do tratamento das augas residuais para asegurar a súa xestión sostíbel e o saneamento para todos en pos dunha vida san e do benestar para todas as idades. Porque a auga sucia non pode lavarse, sentenza un dito africano. Urxe actuar para remediar a mala conciencia.