Á luz do candil

Eses contos ao carón do lume que Ánxel Fole publicou, en 1953, co título de “Á lus do candil” é unha atinada alegoría sobre a situación de escurantismo e opacidade como se está a levar o proceso de negociación do chamado Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento, TTIP, entre os países da América do Norte cos da UE. A desconfianza, preocupación e alerta están máis que xustificadas diante dun proceso que amosa a manobra descarada da gran empresa multinacional á caza de campos de negocio, privatizando sector público, reducindo aranceis e impostos, eliminando normas medio ambientais ou de protección aos consumidores e reducindo salarios e dereitos laborais ou sociais.
A oposición ao TTIP está a medrar entre os sectores concienciados e a crítica da opinión pública europea vai aumentando á vista do resultado dese precedente que foi o Acordo de Libre Comercio de Norteamérica, asinado polos USA, Canadá e México, que se a alguén beneficiou foi a Washington. Temor razoablemente acentuado pola conclusión dun estudo feito para a Universidade de Massachusetts no que se estima a destrución de 600.000 empregos e unha perda de ingresos de ata 5.000 euros ao ano por persoa co TTIP. Estas e outras razóns levaron ao presidente da Comisión Europea e á comisaria de Comercio a poñer en marcha unha campaña para neutralizar a sospeita de estar acelerando un proceso que deixará a soberanía dos Estados nunha dependencia de tribunais arbitrais pensados para a proteccións dos investidores. Para iso, nada mellor que deixar ver a documentación cruzada na negociación ás deputadas e deputados do Parlamento Europeo. Iso si, por tempo limitado a dúas horas e con compromiso de non revelar o contido.
Para facilitar que poidan ler as páxinas, eliminaron os documentos aportados pola parte americana e limitaron só aos propios de menor segredo. Nada de aparellos electrónicos que leven á tentación de copiar. Fora o bolígrafo, retención mental do que se vexa. Para alén diso, vixiados por funcionario fiscalizador. Pouca luz e ningún taquígrafo. Transparencia limitada á luz do candil.

Á luz do candil

Te puede interesar