• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

A lingua na vida dos mortos

Forma parte da nosa boa tradición social render tributo á memoria

Forma parte da nosa boa tradición social render tributo á memoria dos nosos devanceiros mortos. Facémolo arredor dunha data consagrada polo santoral católico á festividade de todos os santos, aínda que no misal sexa realmente o día que sigue a este citado. Pesa, con forza, o feito de ser xornada sen actividade laboral en moitos dos traballos. Tempo de visita aos milleiros de cemiterios do país, co cerimonial que supón o lavado de cara e adorno luminoso e floral do sartego, nicho ou sepulcro familiar sen reparar nun feito lamentábel, a lingua utilizada na lápida dos defuntos.
Por iso, agora é un momento certeiro para reparar na inxustiza que sofre a memoria querida das persoas que nos van deixando para pasar á outra vida, pasamento que pola desidia dos herdeiros comeza pola habitual utilización dun idioma diferente, ao empregado en vida polo finado, en todo o que atinxe ao cerimonial fúnebre; mesmo para alén do escaso entusiasmo que poñen as empresas de servizos funerarios á hora de acometer un proceso de uso do galego no que respecta á facilidade de inclusión do anuncio necrolóxico, o acto relixioso dos funerais e outros aspectos das exequias. Sarcástico ao ver a identificación do alcume co resto do relato escrito.
Non é asunto menor visto dende a importancia que representa o patrimonio funerario cando nos achegamos ao coñecemento de civilizacións milenarias a partir da escavación dos seus camposantos, pirámides, mámoas e outros lugares de enterramento, moitas veces os únicos que ofrecen información daqueles pobos primitivos. Se facemos un xogo de comparación, á vista do que reza nos cemiterios galegos nunca se podería concluír que esta nosa comunidade territorial tivo identidade, cultura e lingua propia por miles de anos sucesivos. É mágoa, abofé que si.
Porén, un fato de persoas liderando os obxectivos perseguidos pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, instituíu xa fai ben anos o chamado Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, cadrando a súa celebración cos días anteriores ao de Defuntos, “no intento de reparar ese perturbador comportamento das nosas xentes levadas por vellas inercias históricas” desprezando o uso do idioma que foi normal na vida do morto á hora de acometer o último acto da persoa, inerte no cadaleito, co seu corpo presente neste mundo. É unha moi atinada proposta que pide máis compromiso das autoridades políticas.