• Martes, 21 de Noviembre de 2017

Licenza para guichar

Tómase aquí a primeira significación do verbo guichar, a que fala de vixiar

Tómase aquí a primeira significación do verbo guichar, a que fala de vixiar algo ou a alguén sen ser visto. A palabra ten outra acepción de carga erótica que non vén ao caso, ou si porque no asunto tamén algo hai diso. Trátase do balbordo á par do estoupido de alarma social que se ten producido a nivel mundial coa denuncia pública da utilización de técnicas da espionaxe a través da introdución de virus troianos nos programas de telefonía móbil, televisión ou equipos informáticos conectados á rede de Internet, responsabilidade da coñecida Axencia norteamericana dedicada a esta tarefa, sobre os que tería perdido o control para rematar coa filtración dos seus arquivos a mans alleas que agora poderían aproveitar a súa venda. Era visto. Para alén da preocupación que produce a constatación dun feito que non debe sorprender polo que respecta á fenda de seguridade e desprotección da intimidade que representan os aparellos das novas tecnoloxías, tamén ten un punto de retranca que alivia esa impresión de saber que estamos no universo do Gran Irmán que describiu George Orwell nesa obra de ciencia ficción que titulou “1984”: ata os máis sofisticados sistemas tecnolóxicos, datados de recursos ilimitados, teñen falla no seu funcionamento.
Por iso, neste asunto non podemos deixar pasar a lembranza da mítica parella formada por Mortadelo e Filemón consagrada polo ocorrente F.Ibañez naquel “O sulfato atómico”, van alá cincuenta anos, como destacados axentes dunha T.I.A. que trae á memoria o efecto inesperado e absolutamente cómico dunha actuación que se quixo vender coa arrogancia da figura do James Bond “con licenza para matar” ao servizo das operacións encubertas dun imperio decadente.
Velaí o porque se promoveu tempo atrás, sen moito éxito certamente, adhesións para outorgar unha medalla do Ministerio de Interior á figura destes personaxes de ficción, unha vez o anterior ministro do ramo decidiu facelo na honra da María Santísima do Amor, e antes da Virxe do Pilar. Agora sabemos que a espionaxe gringa debe auxiliarse coa contratación de técnicos temporais, proba de que o traballo precario chegou tamén á Sancta Sanctorum do ocultismo; operarios aos que intentan cargar o morto da actual difusión de miles de páxinas e documentos segredos, proba do descontrol no manexo deses instrumentos de guerra cibernética que lles outorgan licenza para guichar sen causa, fiscalización nin control.