Inverno demográfico

Nesta parte do planeta que chamamos Europa, andando neste século XXI a máxima popular que asegura “nacer cun pan debaixo do brazo” só resulta válida se consideramos o positivo efecto electoral que representou a calculada filtración á prensa da boa nova que anunciou a próxima paternidade do, daquela, candidato Feijoo. A descendencia futura do presidente galego non precisou nacer para dar o seu froito, sen embargo na realidade social a problemática que a socioloxía da familia ten definida por “inverno demográfico”; isto é, o proceso de acelerado avellentamento da poboación, deriva de varias causas e entre elas de xeito determinante están o  efecto da crise económica e da falta de emprego que soporta a clase traballadora continental. 
Polo mundo adiante, a groso modo, anualmente contamos unha media de 23 nacementos e só nove mortes entre cada mil habitantes. Porén, o panorama europeo mantén unha cifra de dez nacementos fronte a once mortes por cada milleiro. Saldo negativo que é máis intenso no Estado español cunha porcentaxe de nacementos do nove por mil. 
Dramático, desde esta perspectiva, no caso galego que viu morrer 31.681 persoas no pasado ano en troques dos 19.412 nacementos; e dicir, perdéronse así máis de doce mil persoas nunha traxectoria que dura máis de tres décadas. 
Se falamos do índice de fecundidade, aspecto necesariamente relacionado co anterior, no caso galego andamos en 1,07 fillos por cada muller fértil, fronte aos 2,1 que se considera a taxa de relevo xeracional; isto é, só á metade. Tamén niso estamos peor a respecto da media estatal ou europea que son críticas en cada un dos casos se asociamos isto coa “taxa de soporte” que liga á poboación activa coa inactiva, incluíndo á infancia e á xente maior. 
Ten a ver co futuro das pensións e, consecuencia diso, coas prestacións sociais dun modelo de solidariedade entre xeracións, sabendo que estamos xa no considerado punto de ruptura. Velaí a entrada a saco no fundo de reserva que está a pique de ficar sen un euro. Ocasión urxente para modificar o sistema de xeito que se procuren novas vías de financiamento para alén das achegas actuais.
Coa esperanza de vida en aumento imparábel, a tentación da “eutanasia social” é máis de temer que o vaticinio dos efectos pesimistas dun “suicidio demográfico poñendo en cuestión o futuro dos estados europeos”. Tema preocupante, si; mais comprensíbel e xustificábel. E discutíbel. 

Inverno demográfico

Te puede interesar