• Viernes, 15 de Diciembre de 2017

O humor sardónico de Bob Dylan

Sabido era que a decisión de outorgar o Premio Nobel de Literatura a Bod Dylan ía ser causa de balbordo

Sabido era que a decisión de outorgar o Premio Nobel de Literatura a Bod Dylan ía ser causa de balbordo, amplificado pola dimensión popular do galardoado, referente singular e atípico comparado co modelo tradicional de autores laureados con anterioridade, limitados na súa proxección pública aos ambientes académicos. Sen meternos en camisa de once varas facendo xuízo de valor a respecto da importancia e transcendencia das achegas literarias orixinais do cantante e autor norteamericano, a morbosidade derivada da decisión dos académicos suecos non podía ser defraudada; e niso, o artista cumpriu dabondo facendo uso do seu humor sardónico.
Por iso, a revelación de que o ilustre fillo do Estado de Minnesota fixo uso dun traballo existente nunha web, semellante á que por estes nosos lares chamamos “o curruncho do nugallán”, á hora de construír o seu demorado discurso de aceptación do devandito premio literario, debe asumirse como parte desa filosofía de ser, expresarse e facer as cousas influída polo sarcasmo; para entendernos, o agardado dun tipo retranqueiro. Certo é que a présa non é boa compaña e iso semella terlle xogado unha mala pasada na utilización do corte e pega na cita de textos que Dylan describía fundamentais na influenza que sobre el, á hora de compoñer cancións, exerceron tres obras literarias da infancia: A Odisea, Moby Dick e Sen novidade na fronte occidental. Tomadas do resume existente na páxina dos traballos escolares compartidos, resultou ser unha trampa decisiva na evidencia do plaxio ao alterar a verdadeira expresión da obra orixinal. É o que ten de risco limitar a lectura aos resumes das obras literarias, aínda que leven unha explicación. Neste caso apurada pola urxencia de asegurarse o cobro dos máis de oitocentos mil euros do premio.
Non é de estrañar que, coa circulación pública, algunha cita de frases célebres non teñan relación real coa persoa á que se atribúe. Noutros casos, mesmo perdan sentido por ser un trabalinguas practicamente indescifrábel; técnica esta na que Mariano Rajoy é un mestre insuperábel. Quebracabezas para os técnicos en hermenéutica, meritorio oficio na interpretación do discurso filosófico. A última do Presidente, na pasada sesión parlamentaria da censura presentada contra del, dita así: Canto peor mellor para todos e canto peor para todos mellor, mellor para min o seu beneficio político. Esta non é capaz de superala o humor sardónico de Bod Dylan. Abofé que non.