• Martes, 21 de Noviembre de 2017

HIROSHIMA, UN CRIME DE LESA HUMANIDADE

O calculado acto de bombardear, fai agora setenta anos, a cidade xaponesa de Hiroshima cun artefacto nuclear, lanzado intencionadamente en contra da poboación civil malia a certeza previa da morte e destrución que ía ocasionar, é un crime de lesa humanidade. Si, máis alá da categoría de crime de guerra, indiscutíbel e historicamente obvio, é en contra da humanidade pola acción de exterminio e a condición de acto inhumano que atentou contra integridade das persoas, indefensas e alleas á guerra. Un crime que ten responsables con nome e apelidos que nunca sentaron diante dun tribunal que condenara a súa actuación criminal na que ficou, detrás da súa actuación, preto de trescentos mil mortos, cidades arrasadas e un mundo máis inseguro. 
A decisión política do presidente americano, Truman, ordenando a execución do plan de bombardeos de cidades niponas escollidas polo chamado Comité de Obxectivos, grupo de científicos e militares implicados no cuantioso Proxecto Manhattan que creou as bombas atómicas de uranio e plutonio, buscaba intencionadamente probar, os efectos de artefactos explosivos nunca antes testados en condicións reais, sobre áreas urbanas densamente poboadas. 
Para iso fíxose unha lista de localidades que antes apenas foran atacadas pola aviación dos Estados Unidos, ao carecer de interese militar, de xeito que o experimento fose o máis efectivo posible. É a historia real dunha acción de atrocidade brutal e inhumana, total e absolutamente inxustificábel en relación á necesidade táctica da guerra, que veñen de probar novos documentos desclasificados. 
Foi así polo que Hiroshima, primeiro, e Nagasaki, días máis tarde, soportaron horror, masacre e devastación ata límites nunca antes coñecidos pola xente. Urbes que resultaron vítimas dunha maldita lotaría na que aspectos meteorolóxicos e outras cuestións de sorte decidiron que, finalmente, alí estoupara a maldita bomba nuclear, e non nalgún dos outros lugares que ían por diante na lista da destrución. 
Sorte para as que se salvaron da barbarie, para as demais terror psicolóxico amplificado por discursos nacidos da prepotencia e da chulería insolente da presidencia norteamericana que atoparon complicidade no relato posterior dun comportamento, moralmente inaceptábel, que está pedindo revisión histórica para facer xustiza á responsabilidade. 
A memoria das vítimas, mortas nese momento ou nos días posteriores, a das persoas que padeceron malformación ou graves lesións a causa dos efectos radioactivos e a dos maltratados socialmente polo estigma de ser dos “bombardeados” demanda revisar a crónica do sucedido.