• Martes, 21 de Noviembre de 2017

A Gran Muralla

O mundo occidental mira con pasmo como o novo titular da presidencia americana vai desenvolvendo o seu espectáculo programado

O mundo occidental mira con pasmo como o novo titular da presidencia americana vai desenvolvendo o seu espectáculo programado, con goteo de anuncios calculados para alongar o efecto de impacto no público, asinando orde tras orde executiva para, aparentemente, pór en marcha as promesas electorais. Entre elas, as do muro na fronteira con México, de forte carga simbólica. Curiosa coincidencia ou non, vai ti a saber; ven de estrearse un filme de ficción, con gran alarde de efectos especiais, titulado A Gran Muralla. 
A proposta cinematográfica que nos trae un afamado director oriental parte dun guión que sitúa temporalmente o argumento nas terras chinesas do século XV, levando alí dous mercedarios ingleses e outro español que serán testemuña do misterio que rodea á construción da Gran Muralla China que, neste peculiar argumento pensado para meter ao espectador nun universo de fantasía, os tres descubrirán que non se construíu para manter fóra das fronteiras aos guerreiros mongois, se non para algo máis perigoso: a mítica muralla foi edificada para deter a chegada de monstros devoradores de carne humana. Unha trama peculiar que lle permite á produtora desta cinta aproveitar os modernos recursos tecnolóxicos á procura de embobar á audiencia.
A realidade histórica desta colosal fortificación que, contando os diferentes ramais, supera os vinte mil quilómetros de longa, é un fenómeno de traballo feito por fases de obra, de xeito que cada dinastía que foi relevándose no poder é titular dun tramo construído, e ás veces reconstruído polo demoledor paso do tempo; causa de que fosen precisos máis de mil setecentos anos para finalizar a considerada sétima marabilla do mundo. 
Este recoñecido monumento do Patrimonio da Humanidade, irmandado coa muralla luguesa, hoxe en día está falto do mantemento necesario que asegure no futuro a continuidade deste inmenso valado, para alén dos tramos que constitúen un dos focos turísticos de máis alto número de visitas de entre todos os do planeta. 
Por iso, a iniciativa do señor Trump ten algunha das características enfermizas que se sitúan no ámbito de temor paranoico que orixinou a magna obra chinesa. Alá, na fronteira mexicana, o valado xa conta con mil quilómetros, iniciados con Clinton e continuados con Busch; polo que a súa extensión non vai cambiar a dinámica migratoria de persoas que se moven por necesidade extrema ou pola cobiza dos empresarios locais que buscan man de obra moi barata.