Funcionar co piloto automático

Lembremos: Un piloto automático é un sistema mecánico, eléctrico ou hidráulico, utilizado para guiar un vehículo sen axuda humana. Cousa que se produce, de xeito cotiá, na condución dos avións e outros artefactos de voar; mais tamén en barcos e de forma experimental nos coches que andan á procura de atopar un xeito seguro de circular sen condutor. Porén, tamén no mundo económico, institucional e social como amosa o panorama do Estado español, con goberno en función nos últimos nove meses, sen que esta circunstancia teña producido situación dramática algunha entre a cidadanía, para alén do desconcerto que representa esta circunstancia.
Todo o contrario, a resultas do crecemento económico que se deduce do Produto Interior Bruto, medrando arredor do tres por cento, mesmo poderíamos concluír que esta realidade política é a vía para acadar o mellor dos resultados nos últimos catro anos. 
Certo é que a economía, e outros asuntos, funcionan co piloto automático dunha traxectoria que semella contar con dinámica propia, indiferente ao balbordo político que vive o Congreso das e dos Deputados á hora de construír os pactos e acordos necesarios para encarreirar unha investidura que posibilite a elección dunha Presidencia de Goberno; e, aínda máis, a futura gobernación nunha cámara na que haberá que asegurar a vitoria de cada iniciativa que precise da aprobación parlamentaria. Cousa ben difícil. 
Así, recoñecidos medios de prensa americana veñen amosando, nas últimas semanas, o seu público desconcerto sobre esta conxuntura de crecemento económico, con ausencia de goberno estábel; un asunto que choca coa súa propia visión a partir da experiencia próxima do seu país afeito á rixidez de institucións, económicas e políticas, que nunca experimentaron situación idéntica. Din que non deixa de ser un factor anormal do carácter latino, algo anárquico. Obvio é que, tamén para nós, o seu sistema non é modelo de perfección que se diga. Abofé que non.
Mais e todo, aquí contamos cun patrón de conduta que é quen de repetir pautas de comportamento electoral, aínda sabendo que ten chovido adrede para embarrar o campo de xogo. 
A enquisa sobre intención de voto, coa previsión de resultados cociñada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas para orientar á opinión pública, vén de probar a nosa condición de xentes de rutina, pouco dados á mudanza. Bo sería recuperar a capacidade para conducirnos polo interese propio, deixando de funcionar co piloto automático que nos vai levar a lugar foráneo.

Funcionar co piloto automático

Te puede interesar