• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Factor multiplicador

Na literatura bíblica atopamos o caso da multiplicación do pan e do peixe, catalogado como milagre ao responder a unha capacidade divina, fóra do territorio da física e da racionalidade.

Na literatura bíblica atopamos o caso da multiplicación do pan e do peixe, catalogado como milagre ao responder a unha capacidade divina, fóra do territorio da física e da racionalidade. Fenómeno extraordinario reconvertido polos matemáticos co factor multiplicador capaz de facer o mesmo só coa operación numérica aplicada á variábel axeitada. Xustamente o que desenvolve a política laboral deste goberno, en proceso de renovación de mandato, á hora de transformar o raquítico número de empregos netos creados nun dato propagandístico de diminución do paro.
Proba diso é o cadro que se amosa na última Enquisa de Poboación Activa, informe publicado ao mesmo tempo de se celebrar a sesión parlamentaria de investidura da presidencia do goberno, simplificada nun titular que fala da baixada do paro en número próximo ás setecentas mil persoas, para o conxunto territorial de todo o Estado. Sen embargo, indo ao detalle comparativo da evolución da poboación activa nos cinco anos de goberno do actual equipo político; iso é, nos catro do mandato e máis o ano de prórroga en funcións, resulta que só se crearon apenas corenta e catro mil novos traballos. Ese é o resultado da súa política laboral, na parte cuantitativa real. E dicir, mais de seiscentos mil causaron baixa por falta de expectativa, marcharon á emigración ou foron á xubilación antes do tempo. Os número do INE non falan doutra cousa, mágoa que non. 
Se entramos a valorar o cualitativo, o panorama é desolador. O escenario do mercado de traballo derivado da reforma laboral imposta á forza desde unha cómoda maioría parlamentaria, é de creación dun novo emprego de cada vez menos calidade, precario, con menos dereitos laborais e peores condicións salariais. Contratos a tempo parcial e temporalidade relacionada co sector de servizos, especialmente os de restauración e turismo. Impera o modelo dos “minijobs” agochados que fan que ter traballo non permita saír de situacións de pobreza. A metade da mocidade non chegou a ocupar a súa primeira experiencia laboral e dous millóns das persoas necesitadas de emprego son parados de longa duración, moitos sen prestación algunha.
Porén, o concepto do proceso multiplicador naceu da vontade de facer do investimento público un dinamizador económico, creando emprego motor da demanda, probado con éxito na década da gran recesión americana a partir da teoría Keynesiana. Vía alternativa á política de austeridade submisamente asumida por imperativo europeo. Camiño sen saída.