• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

EUROPA, INSOLIDARIA E INMORAL

Na rúas, prazas e parques galegos, xentes de ben e solidarias concentráronse para berrar indignación en contra da política inmigratoria da Unión Europea, especialmente da xestión dos refuxiados procedentes do Medio Oriente, total e absolutamente insolidaria e inmoral, probabelmente tamén ilegal. Vergoña. Europa dimitiu dos dereitos humanos. 
Semella non se lembrar pasados tempos nos que precisamos ser obxecto de acollemento e protección por sermos nós os emigrantes por necesidade. Agora toca ser sensíbeis ao principio de hoxe por ti, mañá por min. Por iso, na reacción cidadá vai implícita unha reflexión de Bertolt Brecht: “ Primeiro viñeron buscar aos comunistas e non dixen nada porque eu non era comunista. Logo viñeron polos xudeus e non dixen nada porque eu non era xudeu. Logo viñeron polos sindicalistas e non dixen nada porque eu non era sindicalista. Logo viñeron polos católicos e non dixen nada porque eu era protestante. Logo viñeron por min pero, para entón, xa non quedaba ninguén que dixese nada”. Isto é o que foi a traxectoria do asunto nos últimos anos.
Así, a guerra en Siria leva un lustro de antigüidade. Conflito alentado, cando non sustentado polas potencias estranxeiras con intereses na zona. Desde o seu comezo, dos 23 millóns de habitantes do país, a emigración interna afectou a un terzo da poboación e cinco millóns de persoas fuxiron fóra. A máis grande parte deles foron para Turquía, un lugar pouco seguro como ben saben os alí concentrados, que se sumaron aos chegados doutros territorios tamén afectados por guerra. 
As institucións da UE e os estados membro estiveron perdendo un tempo vital, esquivando a aprobación das directivas sobre normas e procedementos para a acolleita de solicitantes de protección internacional onde se establecía un prazo de transposición obrigatorio que finalizou o pasado ano. Sen un sistema común de asilo, agora as persoas están aquí, ou intentan estar, e todo é improvisación aínda a costa de vulnerar o dereito internacional. Esa falta de previsión tanto das institucións da UE como dos estados membro afecta non só á responsabilidade internacional dos mesmos senón aos propios principios e valores democráticos e de respecto aos Dereitos Humanos recoñecidos como fundamentais no Tratado da Unión Europea. Por iso é fundamental recuperar valores de respecto á dignidade humana, Estado de Dereito e protección dos dereitos humanos.