Estrelas efémeras

As “perseidas”, tamén chamadas bágoas de San Lourenzo son un fenómeno que adoitamos considerar chuvia de estrelas; sen ser tal cousa. Esas bágoas que, na lenda medieval, o diácono Lourenzo verteu perante o seu martirio namentres ardía na fogueira, son na realidade astrofísica pequenas partículas de po, con tamaño variábel que mesmo pode ser inferior a un gran de area, que van deixando atrás os asteroides ou cometas perante o percorrido das súas órbitas arredor do sol. Metáfora do fuxidías que resultan as carreiras políticas construídas artificiosamente en base ao interesado deseño de medios que buscan acadar resultados no curto prazo.
No fenómeno meteoroide do que se ten referencia xa na China bimilenaria, daquela moito antes do acaecido no acto de tortura ao santo que se conmemora no 10 de agosto, prodúcese un efecto óptico de perspectiva que pon foco nun punto do ceo, centrando a visión da converxencia desas mal consideradas estrelas efémeras, un lugar considerado radiante que neste caso está localizado na constelación de Perseo. Velaí a consecuencia do proceso que realiza á Terra, cada ano, na súa órbita arredor do Sol ao atravesar a nube de partículas, resultante do desxeo, que foi deixando detrás de si o cometa a xeito de rastro do seu paso.
Polo que atinxe as estrelas da constelación política, vexamos o caso das eleccións americanas, tanto pola importancia que representan na dinámica interna dese conglomerado de estados federados, senón tamén pola transcendencia que estas teñen dado o peso determinante dos Estados Unidos no chamado orden internacional, certamente máis ben desorde mundial. A novidade relevante está na característica do candidato republicano á presidencia federal amparado na súa fase de lanzamento polos grandes emporios televisivos, os mesmos que agora unha vez colocado semellan mudar o apoio colocándose na súa contra. Coa imaxe pública procura proxectar a figura dun político atípico fóra de comportamentos convencionais a respecto do “establishment”, de aí esa actuación teatral que busca a lea mesmo ofendendo ás minorías étnicas e ás mulleres nunha deriva autoritaria que lle vén dando bo resultado, aínda que sexa botando man do instinto primario da xente. Unha estrela que se apagará co fracaso electoral.
Tempo efémero que tamén vivirán esas persoas que están a pugnar por formar parte das listas electorais nesta convocatoria para renovar o Parlamento galego que debe alumear o futuro goberno da Xunta. Todo o mundo debe ter dereito aos seus quince minutos de gloria.

Estrelas efémeras

Te puede interesar