• Martes, 24 de Octubre de 2017

A economía do container

O mundo das novas tecnoloxías produce o efecto da moeda: Ten cara e reverso.

O mundo das novas tecnoloxías produce o efecto da moeda: Ten cara e reverso. Se queremos ser máis certeiros, falemos de cruz. Si, a súa faciana máis cruel é o efecto sobre o emprego que está a mudar de xeito acelerado, ben é verdade que non só por causa da extensión dos aparellos mecánicos nunha robotización de procesos sen parangón na historia. Moito menos por esa tendencia que, a xeito de ameaza de furacán, representa a intelixencia artificial; máis pantasma temíbel que realidade a curto prazo. Non, nada diso é causa da invasión dun novo modelo precario, de traballos efémeros, temporalidade obscena e salarios míseros. A fonte do actual panorama laboral é froito de decisións políticas, de regulación e leis.
Un contexto que é global, evolución calculada das poderosas forzas do interese patronal planetario; agravado no Estado español, carente dun sólido sector industrial e, polo tanto, moi dependente do ámbito de servizos, especialmente do turismo exterior. Ocupación de tempada que explica o innumerábel sumado de novos desempregos ao rematar este período estival. Porén, detrás está unha sucesión de cambios continuos e sostidos no tempo que, desde a planificación orquestrada, foron concretándose nun rosario de iniciativas que enmascararon políticas de xestión pública contrarias ao dereito a un traballo digno coa finalidade última de reducir o factor de traballo nos custos empresariais. Sen reparar no dano, coas institucións laborais mirando para outro lado.
Á desfeita consolidada súmase agora unha nova dinámica internacional que vén a impulsar un modelo de “low cost” laboral, coa extensión do falso autónomo como bandeira do sistema: É a economía do container. Para entendernos, grandes operadores cunha mínima estrutura de organización e recursos que operan na mediación, cobrando por iso. Sexa no arrendamento da vivenda a xeito de alternativa ao hotel tradicional, no sucedáneo de transporte ao taxi clásico, na venda de produtos culturais de variado tipo ou en servizos financeiros. 
Tendencia que vai a máis, vendida dende a expresión de economía de colaboración. Si, unha forma altruísta de agrandar a conta de resultados do propietario da marca e do soporte informático. Moi mal negocio para o emprego de calidade, sometido á mesma práctica das operadoras de redes sociais. O traballo de encher contido ou produto, vai por conta dos usuarios, eles só poñen o algoritmo e a publicidade. Negocio redondo.