UNHA DUCIA DE CANS

Cans, escrito con maiúsculas, si. Falamos da pequena localidade do Val da Louriña que reta, co seu festival de cine á mítica Cannes da costa mediterránea. O feito da semellanza fonética de ambas as dúas toponimias facilitou a cousa. Sen complexos. Fronte á fascinación gala, retranca galega e ambiente de festa rachada. Diante da longa traxectoria do certame da Riviera francesa, posta en valor da imaxinación e o máximo atrevemento. Con ou sen permiso, faltaría.
Escribimos cans, en minúsculas neste caso, para sinalar esa certeira imaxe que promove a edición “unha ducia”. Así, unha ducia, fora os números ordinais. Aquí todo vai de creatividade, é a súa grandeza diferencial e máximo activo. E claro, non podía faltar o can, multiplicado por doce; e dicir, unha ducia de cans que, pola lóxica do funcionamento da memoria humana, vai asociada á mesma cantidade de ovos nun deses cartóns adaptados que forma parte da icona clásica dos deseños industriais. Velaí, unha caixiña con doce ovos, combinados entre brancos e amarelos nun aceno á pluralidade, con can tatuado. Lóxica elemental, sabio deseñador. Un cartel de cine.
Porén, para cartel a programación que convoca aos devotos que profesan un verdadeiro movemento de fe para con este evento cultural atípico. Seareiros que viven un acontecemento único e auténtico arredor de propostas que fan mofa dos tópicos que arrodean ese mundo de negocio e interese comercial da sétima arte. Se glamourosa é a típica imaxe da chegada de artistas a cabalo de coches fantásticos, na parroquia porriñesa vívese o agroglamour do alter ego: o chimpín. Nese mundo de artistas obsesionados por diferenciarse entre si, quen pode presumir de viaxar nun vehículo así? É unha experiencia que comeza a estar moi cobizada, máis a partir desta edicións que estreará o Muro dos Chimpíns coa colocación dunha placa de honra á memoria dos mellores. Será o paseo das estrelas locais. Ben o merecen.
Así é que, aínda existindo unha entidade asociativa e unha dirección estable para a organización da mostra, tamén colaboradores e patrocinadores fundamentais, a complicidade das veciñas e veciños resulta imprescindible para dotalo dese ambiente de festa total e moito cine. Estrea de documentais, longametraxes, videoclips, audiovisuais e coloquios na Leira de Alicia; música, natureza e moito máis. Cans, aldea galega, é por días o “epicentro do terremoto cinematográfico mundial”.

UNHA DUCIA DE CANS

Te puede interesar