• Lunes, 18 de Diciembre de 2017

A depredación do medio natural

Depredar é roubar con violencia e devastación; depredador, na linguaxe da ecoloxía

Depredar é roubar con violencia e devastación; depredador, na linguaxe da ecoloxía, é o organismo ou ser que elimina a outro para ocupar el o seu lugar. Analoxía do mundo biolóxico que resulta certeira para cualificar á Proposición de Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia, presentada polo PPr no Parlamento, en trámite acelerado de debate e aprobación. Esta norma que busca eliminar controis a proxectos mineiros, eólicos ou forestais nace marcada pola pillaría do procedemento escollido para súa tramitación, pola vía de urxencia e presentado o texto a través do partido político ocupante do Goberno, e non desde a institución, como unha forma de eludir os controis de organismos coma o Consello Económico e Social. Velaí a xustificación do chamamento á mobilización para freala.
Para iso, unha manchea de organizacións sociais de base, sindicatos e asociacións ou entidades consagradas á defenda do medio natural, convidan á resposta cidadá, ao considerar que esta proposta de lei “pode supor un auténtica Lei de Depredación de Galicia xa que pretende deixar sen regulación ámbitos como o eólico, forestal, mineiro, usos hidráulicos, cooperativas e outros moitos máis, constituíndo de facto a aprobación de varias leis nunha única, tratado de eliminar calquera debate público sobre temas que requirirían dun amplo consenso social e político. Supón, ademais, unha ameaza absoluta ao conxunto da poboación que podería verse sometida a un uso abusivo e xeneralizado da lei de expropiación para favorecer iniciativas privadas de grandes empresas coa protección do goberno galego”. Aseguran que cunha lei como a que se pretende aprobar será practicamente imposíbel facer defensa do valioso patrimonio ambiental do noso pais.
Certamente, o texto amosa unha aposta por un modelo de implantación de empresas de moito impacto ambiental, pouca creación de emprego e mínima xeración de riqueza. Non evitará a fuxida da industria de cara o norte portugués. Aquí, o futuro, debe construírse na harmonización da actividade económica coa conservación do medio ambiente e a paisaxe, posta en valor, con retorno social do negocio relacionado. Moito máis para o sector agrario que está a padecer a insólita actuación da Inspección Laboral sancionado á tradicional forma de traballo solidario e colectivo entre xentes do mesmo lugar que comparten faena non retribuída. Non se actúa así en relación á prolongación irregular da xornada laboral na grande empresa. Non.