• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Democracia en venta

Confirmado, a retranca é o xeito máis eficaz

Confirmado, a retranca é o xeito máis eficaz de pór en solfa os abusos e as inxustizas que soporta a humanidade. Iso é o que busca unha proposta en forma de premio, versión práctica desta moda de humor internacional á galega, poñendo foco na denuncia do cómplice papel de intervención nas decisións da política comunitaria europea que desenvolven os grupos de presión empresarial, máis cando se trata de orientar a sinatura de acordos comerciais de alcance intercontinental.
Así, un grupo de organizacións non gobernamentais veñen de convocar os premios “Democracia en Venta” para identificar aos poderes ocultos que redactan e impulsan o tratado da Asociación Transatlántica de Comercio e Investimentos, negociacións en curso sobre este cobizado acordo entre os EEUU e a Unión Europea que se está cociñando a porta pechada, “cóbado con cóbado cos grupos de presión das grandes multinacionais”. Procuran, con aceda ironía “premiar ao grupo empresarial máis activo á respecto do obxectivo que persegue”.
Ao fronte da organización do evento está o Observatorio das Corporacións Europeas, un grupo independente que investiga e leva a cabo campañas para facer visíbel, e poñer en cuestión, o acceso privilexiado xunta a excesiva influenza que as multinacionais e os grupos de presión teñen nas políticas europeas, moitas veces contrarios ao interese da cidadanía comunitaria. Á iniciativa deste singular premio de denuncia súmanse na promoción outras ONG, entre elas Amigos da Terra Europea; Lobby Control, unha entidade xermana que forma parte de Alter-EU coñecida alianza pola transparencia dos grupos de presión e a regulación ética; e, tamén, o movemento cidadá “WeMove.Eu” que pugna por unha UE comprometida coa xustiza económica e social, co medio ambiente sostíbel e coa democracia baseada na participación popular da xente.
Entre todos, estudaron documentos filtrados, posturas oficiais e propostas feitas na negociación do TTIP. Examinaron a información sobre a correspondencia e xuntanzas cos grupos de presión. Pescudaron análises críticos e académicos; e de resultas de todo acordaron facer seis denominacións que propoñen sexan votadas na web “Democracy for Sale” para darlle forza á difusión e acadar que, finalmente, os grupos de influenza non saian coa súa. Na relación obxecto da escolla, todos os grupos que están sinalados son parte dun plan das grandes corporacións mercantís por acadar máis negocio libre. E aínda falta abordar outras operacións que se esconden baixo as siglas de CETA ou TISA. Outra vaca máis no millo.