Crónica da violencia opaca

Invisibles. Relatos do maltrato” é un exercicio de literatura, xornalismo e memoria social que Montse Fajardo converteu nun impagábel libro de crónica da violencia opaca que se exerce sobre as mulleres a través dun fenómeno complexo no que se amosa que “non hai nada que converta a unha muller en vítima, máis alá de dar cun maltratador”; mesmo coa complicidade do entorno de convivencia, incluída a propia percepción do feito pola persoa que sofre o maltrato, de modo que o culpábel “pode se ese veciño tan simpático, o tendeiro tímido ou o serio profesor dos fillos”.
Montse achéganos unha historia real de varias vidas con patróns e casuísticas diferenciadas que amosan a crueza emocional dun calvario persoal a xeito do percorrido dun viacrucis marcado por moitas estacións de parada desoladora soportadas no traxecto dun pesadelo terrible; e imperceptíbel para o entorno e contorna da vítima. Mesmo da incredibilidade de quen cre que “non dá o perfil” ou da autoridade policial e xudicial que non outorga validez á denuncia, establece medidas protectoras e asegura os recursos que faciliten a vida cotiá das vítimas.
Violencia física ou psicolóxica, ás veces ambas ás dúas xuntas, que pasan do horror vivido entre ás catro paredes do fogar á páxina de sucesos na prensa por se ter producido un feito lutuoso de terror criminal. O censo das vítimas de violencia machista acaecido este pasado ano é unha moi seria chamada de atención aos responsábeis políticos, á representación parlamentaria da cidadanía e a toda a xente de ben para reaccionar de vez ante un feito que por recorrente vai perdendo a intensidade informativa que xa fica só para situacións de gran alarma social como é o caso do actual tratamento que se está a dar ao crime que mutilou a vida de Diana, a moza raptada, matada e soterrada na Barbanza por veciño seu, depredador sexual asasino.
Porén, á intolerábel violencia machista sobre as mulleres debe sumarse outro feito que contribúe a ese cadro de inxustiza, discriminación e desigualdade: A fenda salarial, e de oportunidades no mundo laboral que se coñece por “teito de cristal”. A boa nova é que as traballadoras alemás poderán coñecer o salario dos seus compañeiros homes, e reclamar igualdade, grazas á “lei para o fomento da transparencia nas estruturas salariais” entrada en vigor. Islandia xa ten prohibida por lei a fenda salarial de xénero.

Crónica da violencia opaca

Te puede interesar