A conduta líquida

Agora, co foco do interese da opinión pública orientada de cara ao seguimento das negociacións e contactos para conseguir formar novo goberno no ámbito estatal, transparentes ou agochados, é tempo de retornar ao análise das razóns que explican o pasado resultado electoral. Apagado o tempo das opinións subxectivas, das parolas atrevidas e da propaganda interesada en modo camuflaxe, pendente o rigor dos estudos póstumos que poñan luz á cuestión, podemos concluír xa con moita probabilidade de atinar que aquí “pasou o que pasou” porque a liberdade humana á hora de tomar decisión amosa a súa condición de comportamento variable, adaptábel e líquido.
É a conduta esperada da sociedade líquida que nos ten diagnosticada o sociólogo de orixe polaca, británico na súa proxección académica, Zvgmunt Bauman, que el caracteriza pola súa mobilidade, incerteza e relatividade de valores; enfrontada á sociedade sólida da seguridade, dos contidos e dos valores tradicionais; aspectos que deben ser entendidos para acometer o necesario cambio social que evite os conflitos sociais e mellore as condicións de vida. Para este profesor emérito da Universidade de Leeds, os comportamentos humanos no mundo actual están radicalmente condicionados pola sociedade de consumo, que busca un estado de insatisfacción permanente denigrando e desvalorizando os produtos ao pouco tempo de terse estreado, provocando a saída de outros novos e satisfacer cada necesidade ou carencia de tal xeito que de pé a novas necesidades ou carencias, nun ciclo que se manexa dende o interese do mercado.
Unha sociedade de consumidores no é só a suma de individuos consumistas.É unha totalidade. Trátase dun auténtico síndrome: a suma de actitude e estratexias, disposicións cognitivas, xuízos e prexuízos de valor, cousas que se dan por seguras de xeito tácito sobre o funcionamento do mundo e como ser feliz nel. A extensión de pautas de consumo é de tal amplitude que abrangue todos os aspectos e as actividades da vida. O chamado mercado forma parte do noso día a día, mesmo cando non hai troco de diñeiro. O éxito xa non depende da calidade das propostas, senón da influenza da campaña de marketing que se teña detrás; das imaxes que produce a prensa.
Velaí a volatilidade dun electorado, especialmente acusada nos segmentos máis novos, que da e retira apio explícito, votando ou absténdose, en relación ás propostas de política alternativa nacidas da mobilización e da indignación que non duran no tempo. O discurso do medo tivo éxito.

A conduta líquida

Te puede interesar