O CÓDIGO DA ECLIPSE

Aeclipse, ese fenómenos astronómico consistente en quedar oculto á vista dun astro, total ou parcialmente, por ficar tapado por outro, non é asunto menor. A cousa trae detrás de si algún código que informa de cambios e mudanzas de alcance. Así foi interpretado este mecanismo cósmico desde tempo inmemorial e polos séculos dos séculos. O mérito é saber traducir o código. O acontecemento vén sen manual de instrucións e nin os máis destacados cerebros da cibernética son quen de dar coa fórmula secreta que agocha este suceso do firmamento. Toca arriscar na lectura do mesmo xeito que se foi tentando, a cegas, a tradución da linguaxe dos antigos exipcios ou a dos signos maias e doutras antigas civilizacións. Tirarse ao pozo.
Para comezar, vexamos a orixe da palabra. Grega, coma boa parte das expresións que dan significado á civilización occidental; entre elas, democracia. O momento da última eclipse que rematamos de observar é, curiosa e precisamente, o do tránsito á primavera. Xusto no día en que se inaugurou formalmente no calendario o relevo entre a estación meteorolóxica máis escura e a da luz e caraveis. Esta que, se di, a sangre altera e trae revolucións no político e no social. O tempo de agromar novo froito.
Velaquí, se xuntamos a etimoloxía da palabra coa simboloxía política da estación anual que agora comeza, a mensaxe apunta aparentemente á tensión que se vive na Eurolandia, a parte da UE abrazada ao euro, entre o desafío grego que promove unha lei para paliar a crise social que se vive no país e a defensa do interese dos acredores que é a liña vermella que se ten fixado como irrenunciable a dirección da Troika que goberna as institucións europeas. Protexer aos parados, pagar a luz aos insolventes e subir o salario mínimo á xente que aínda ten traballo semella unha ousadía deses gregos que van gastar o que non é seu en darllo aos pobres, entanto que os acredores teutóns sofren tremendas penalidades por non poder cobrar o seu empréstito.
A imaxe de Varoufakis facendo un desafiante xesto co dedo corazón, aínda resultando ser unha montaxe humorística, si que resulta fácil de traducir: Por aquí vou meter eu as medidas de austeridade que pedides e mesmo a débeda contraída. Porén, do “painoso” católico retirouse a expresión “perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos aos nosos debedores”, así que non vai ser iso o que di a eclipse. Non.

O CÓDIGO DA ECLIPSE

Te puede interesar