A cociña de Arriola

Asección de cociña do CIS vén de alporizar outra volta á despistada opinión publicada; e dicir, á que se utiliza con interese nos medios de comunicación. Todo a conta do voto estimado que se prevé para o caso de celebrarse neste momento eleccións xerais. Esas coas que configuran as maiorías que dan lugar ao goberno estatal. Hipótese, escenario teórico, toda vez que non vai haber eleccións que proben a validez do vaticíneo. Quiniela con resultados que semellan estar colocados á carta da comenencia de quen manda, aínda que respectando o mínimo rigor que se agarda nunha institución pública, caso do CIS, dotada de medios e formada por técnicos que defenden a súa profesionalidade. O traballo base está ben feito máis alá da peculiar fórmula coa que chegan ás conclusión de resultado electoral.
Deixando de lado a parte da porcentaxe que lle asignan as diferentes forzas políticas, é relevante a consolidación dunha tendencia que semella formar parte do ADN electoral próximo: Fican lonxe as maiorías absolutas e vese necesario conformar un goberno coa suma de diferentes opcións políticas. Miren para a esquerda ou para o lado contrario. É niso repara, botando as súas contas interesadas, Pedro Arriola, o sociólogo asesor de cabeceira, en materia electoral, de Rajoy. Vai para un mes da xuntanza en Toledo do comité de dirección do PP, na que Rajoy trasladou a estratexia marcada polo “gurú” consistente en apostar pola venda da aparente recuperación económica, os falsos datos de crecemento de emprego, e a fraudulenta axenda social, para facer fronte aos comicios municipais e autonómicos. Un discurso que debe ser transmitido á opinión pública, sumándolle a insistencia na recuperación económica, na mensaxe do grande éxito de non ter sido rescatados e na idea da salvagarda do sistemas de pensións e sanitario. Facer calar que a crise está superada e o crecemento do emprego é feito rexistrado.
Nese momento aínda non se coñecía o adianto electoral andaluz, nin a convocatoria catalá de outubro, que van condicionar o futuro nas urnas. Sen iso, visto o barómetro do CIS, a falsa melloría non cala e a cidadanía tomba as contas de Arriola. Quédalle o medo que poida meter á xente. Ou a utilización inmoral da prensa afín.

A cociña de Arriola

Te puede interesar