A CAUSA OBREIRA GALEGA

Aclase traballadora galega ten unha data propia marcada a ferro, escrita coa súa sangue no calendario. É o dez de marzo, memoria da represión que provocou, no Ferrol de 1972, a criminal morte de Amador e Daniel, convertidos de vez en mártires cívicos e símbolo da causa que cada ano chama á mobilización e á lembranza, conmemorada como Día da Clase Obreira Galega.
O anual recordo non pode esquecer ao resto dos traballadores feridos, despedidos, multados, procesados ou encadeados por decisión daquel infame Tribunal de Orde Pública. Gratitude coa mirada  cara atrás para todas as vítimas dos conflitos que forxaron o movemento sindical galego e ás traballadoras e traballadores que soportaron aldraxe e persecución en diverso grado en toda esta longa etapa que suma máis de corenta anos de políticas contrarias ao interese de clase e ás pequenas conquistas acadadas, conflito a conflito, nunha dinámica parella ao progresivo desmantelamento industrial do país do que é metáfora o espello que permite ollar a comparación das cifras de ocupación laboral nos estaleiros, antes e na actualidade. Do día á noite máis escura. Neste espazo galego do mundo do traballo, chegamos a día de hoxe baixo o efecto demoledor da reforma laboral imposta a martelo pola maioría parlamentaria do Partido Popular, submisa ao ditado da Troika  obsesionada cos obxectivos económico de austeridade paralizante, causante dun panorama desolador:  Caída atroz de salarios, aumento espectacular das contratación de tipo temporal ou a tempo parcial, coa alta dose de fraude que leva implícita, e facilidade máxima para o despedimento. O cadro complétase coa manifestación do apoio político ao interese do sector empresarial, aprobando normas e facilitando medidas para fornecer o beneficio das grandes corporacións empresariais e financeiras, en troque dunha xusta recadación fiscal que posibilite a dedicación de recursos económicos ás necesidades básicas da xente que máis o precisa. Co desemprego en máximos, mesmo computando situacións non merecentes de tal consideración caso das ínfimas retribucións de menos de dous mil euros ao ano, o efecto da precariedade dominante levou á riada emigratoria da xente moza, carente de alternativa de ocupación aquí; aos índices de pobreza a cifra histórica e á rede de solidariedade familiar a facer posible a supervivencia de milleiros de persoas. Xente ao límite da súa resistencia. Causa obreira galega que aínda non ve luz ao final dun túnel cegado por unha negra sombra.  
 

A CAUSA OBREIRA GALEGA

Te puede interesar