• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

CASTELAO: LINGUA ESPIRITUALIDADE E FAMILIA

Castelao: Lingua, espiritualidade e familia” é o título da última publicación editada pola Fundación Amigos de Galicia, un libro de sesenta páxinas que parte do ensaio inédito,redactado por Miguel Anxo Araújo Iglesias, símbolo de compromiso social como bispo que foi da diocese de Mondoñedo, expresamente para Amigos de Galicia, que el rotulou “Castelao: Espiritualidade, amor á familia e fervor pola lingua galega”, un ensaio que sintetiza estes aspectos da vida e obra do persoeiro galego máis relevante. 
A limitada dimensión da achega orixinal, pensada para a publicación nunha revista,  fixo necesario ampliala con outros textos coincidentes na temática, publicados denantes por este prelado xa falecido. Así, a seguir vai un traballo de Monseñor Araújo sobre “Castelao e a lingua galega”, incluído por el na publicación “Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflitos de Galicia” no que se afonda con máis detalle sobre este aspecto do grande teórico do nacionalismo moderno, tomando citas da súa obra Sempre en Galiza. 
Finalmente, polo que respecta aos documentos, confiados por Araújo Iglesias á Fundación, incluíuse a homilía da celebración eucarística coa que conmemorou o centenario do nacemento de Alfonso Daniel R. Castelao, texto que afonda na manifestación da relixiosidade ou espiritualidade do rianxeiro universal. A súa vez considerouse necesario introducir unha breve biografía do autor, Monseñor Araújo Iglesias, que pretende ser un recoñecemento ao seu “compromiso coa lingua e as xentes de Galicia” que caracterizou a súa activa traxectoria humana e pastoral. 
O libriño é, no conxunto dos textos, unha modesta contribución á posta en valor da figura de Castelo e, ao mesmo tempo, un certo tirón de orellas aos comportamento e actitudes da curia galega que, salvo honrosas excepcións, teñen manifestado pouco aprecio pola lingua falada coma identidade colectiva do pobo ao que se deben.
A devandita publicación vén coincidir no tempo co empuxe que levou a milleiros de persoas galegas a compartir a Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura á procura de aprobar, no Parlamento propio, unha norma legal que garanta o dereito “ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”, desenterrándoa da ocultación interesada, catalogándoa debidamente e creando un espazo museístico digno para o seu legado.