• Lunes, 20 de Noviembre de 2017

A calor do vento catabático

Na meteoroloxía, o adxectivo catabático aplícase ao vento descendente

Na meteoroloxía, o adxectivo catabático aplícase ao vento descendente, por efecto da velocidade adquirida ou por ter maior densidade ca o aire circundante. É un fenómeno singular da natureza que, para concretar, é un paradoxo da temperatura entre lados opostos dun sistema de alta montaña. Dun lado, a barlovento, fará frío polo efecto da mesma masa de aire que ao atravesar o cumio da serra sufrirá un proceso dinámico e adiabático que acelerará a velocidade do vento, a temperatura e converte en seco o aire ao outro lado; e dicir, a sotavento, o panorama é xusto o contrario. Unha mostra diste modelo é o Efecto Foehn, característico da Finlandia que vai estrear nestes próximos días a fórmula da “renda básica universal”; dotada con 560 euros mensuais.
Velaquí unha metáfora da calor social que vai producir nun país caracterizado pola friaxe intensa do boa parte do seu territorio. Así, con efecto do 9 de xaneiro, dúas mil familias finesas desempregadas, elixidas por sorteo, van encetar un programa de benestar social na que recibirán unha prestación pública perante un período de dous anos, libre de impostos de xeito incondicional. Aínda máis, mesmo que atopen traballo asalariado nese tempo non verán eliminada a devandita axuda, todo o contrario será compatíbel e, polo tanto, seguirán a percibila. A filosofía desta iniciativa, nun Estado gobernado por unha opción política incluída na ideoloxía dos grupos da dereita moderada, implica a total eliminación de procesos burocráticos de control obsesivo.
Fronte aos detractores da institucionalización da renda básica, que habelos hainos e son moitos e poderosos, a iniciativa deste modélico país nórdico non cae do ceo por arroutada dun ministro que toleara co magnetismo do Polo Norte que tan preto está da súa capital. Non, a experiencia xa se amosou con éxito absoluto noutros ámbitos mundiais. É o caso dun espazo territorial do Canadá, do mesmo xeito que tamén sucedeu noutro da Namibia, con máis de cinco anos de traxectoria na que probaron con éxito absoluto a eficacia da súa implantación. Permitiu á mocidade completar os seus estudos básicos, atacando drasticamente ao absentismo escolar; diminuíu notoriamente o número de accidentes, baixou a afectación de trastornos mentais e dos casos de violencia, coa redución á metade da delincuencia; e potenciou á economía local coa mellora da saúde global.
Os ventos catabáticos tamén producen o efecto de conversión da calor ao frío. Sucede aquí.