• Sábado, 25 de Noviembre de 2017

A caixa finlandesa

Era visto, o proceso das eleccións galegas

Era visto, o proceso das eleccións galegas en marcha, anticipadas na súa convocatoria polo aínda presidente da Xunta conforme á data que lle foi ditada polo lehendakari vasco; agora, asistimos á intensificación dos actos de propaganda electoral que, sen disimulo, veñen sucedéndose de xeito “in crescendo” desde fai varios meses xa. No calculado barullo dos cortes de cinta inaugurais, visitas casuais a espazos de interese popular, festas de moita sona e anticipo de proxectos que non pasarán para alén da realidade virtual; o foco vai na dirección de presentar diferentes programas de carácter social na antítese do que foi a liña condutora da acción de goberno.
Dime de que presumes e dígoche do que careces. Por iso, de buscar unha metáfora que identifique o intento de aparentar unha preocupación fundada na prioridade dunha política centrada no benestar das persoas, desde a posición do goberno que busca perpetuarse no poder institucional, unha iniciativa de face social destaca como metáfora: A caixiña, á finlandesa, coa que se vai agasallar a cada familia que teña un novo fillo a partir do presente agosto. Presentada como adaptación á “idiosincrasia galega” do modelo que forma parte da política simbólica deste país nórdico na súa promoción da infancia; a versión autonómica galega é un puro arremedo que non pasa do envoltorio, e nin iso é, sen incluír todas as característica de apoio que representa, desde 1938, a experiencia da tradición asentada na Finlandia que fornece subsidios materiais, económicos e licencias laborais dende o nacemento de cada filla ou fillo ata que este chega á idade adulta; incluído o troco do paquete físico polo seu equivalente en diñeiro monetario.
As urxencias e necesidades de promoción electoral traen estas iniciativas que non deben evitar valorar unha traxectoria de goberno que se caracterizou precisamente polo contrario. Para os ocorrentes creativos da imaxe publicitaria, mágoa da precipitación na convocatoria que impediu ver outra posíbel importación, tamén nacida da creatividade do norte europeo: A caixa dos mortos, aquí chamada cadaleito, con equipamento de música incorporado. Un magnífico agasallo que ben puidera complementarse coa inclusión da discografía completa da Orquestra Panorama, á da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a banda sonora histórica do Luar da Televisión de Galicia; todas elas na liña que tanto identifica a política cultural dos gobernantes galegos. Obvio é que a caixiña dos mortos musicada, ergo cadaleito, tamén se constrúe con madeira finlandesa.