A CABRA DE MADEIRA

Obvio é que as distintas culturas teñen o seu aquel diferente que choca co noso modelo. Cousa boa iso da diversidade, claro que si. Abre os ollos para ver as cousas doutra maneira. E niso, a cultura oriental leva o ritmo doutro xeito. Vai a tal paso que veñen de inaugurar o ano 4713. Digo ben, catro mil setecentos trece. Aninovo chinés que se estreou o 19 de febreiro, nesa festa rachada que conmemora a lúa nova da primavera, ao xeito deles. Aquí aínda estamos no inverno duro, que dura e dura. Nesa zona asiática do planeta terra, a entrada do ano debe coincidir coa lúa máis próxima á metade do período que vai do inicio de inverno, 21 de decembro, e o da primavera, 21 de marzo. Fenómeno singular. Non é o único. Este festón que vai duran quince días ata rematar coa festa dos Farois, conmemora a entrada dun ano dedicado a unha figura animal, real ou mitolóxica, de entre doce que se van rotando por rigoroso orde de lista.
Nesta ocasión tócalle á cabra. Máis concretamente á Cabra de Madeira. Figura do horóscopo propio deste territorio que será relevada, o 7 de febreiro do próximo ano, pola do Mono de Lume. Como se ve, aquí un ano ten máis días que outro. Segundo cadre a lúa, vamos.  Outro aspecto peculiar é o das variacións que o animal vai collendo na rotación. Así vai sumando o apelido de alternantes elementos: metal, auga, madeira, lume e terra. Carga simbólica dunha tradición milenaria que entre o costume para festexar a efeméride ten a ben incluír o agasallo dun “sobre vermello” con cartos. Moda chinesa  dunha cousa semellante á  practica “dese señor do que lle teñen falado” a Rajoy que incluía, en sobres, billetes de cor púrpura para pagar soldos extras que din non ter recibido ningún dos destinatarios aludidos polos papeis da citada persoa quen, a esta hora, estará de vacacións, esquiando co pertinente permiso xudicial ao efecto.  
A Cabra de Madeira está caracterizada pola creatividade, intelixencia,  seriedade e calma. Atributos ben distantes aos que, polo mundo, aprecian sobre nós no último Barómetro Marca España, dese observatorio da imaxe exterior que pescuda o Instituto Elcano. Vennos pobres, débiles e intolerantes; en crise aguda. A máis diso, touradas, durmir á tarde e fútbol, sinais que perduran. Bendita diversidade.

A CABRA DE MADEIRA

Te puede interesar