CABALO DE TROIKA

Si, da Troika. É a versión actualizada do mítico cabalo de Troia, metáfora visual de mobilización e protesta na contra do acelerado proceso negociador que busca pechar, a costa da cidadanía europea, o temible TTIP; e dicir, o Tratado de Libre Comercio e Investimentos Estados Unidos-Unión Europea. En fase de aprobación parlamentaria. Homero, na súa Odisea, e posteriormente Virxilio na Eneida, deron forma literaria a ese artello de sutil engano, coa figura dun enorme cabalo de madeira, que seica utilizaron os gregos como estratexia para introducirse na cidade fortificada de Troia, aparentemente inexpugnable.
Cóntase no relato que, a xeito de agasallo, esta figura animal foi introducida nos muros da cidade, recibida pola xente alí residente sen saber que no seu interior ocultábanse soldados inimigos. Durante a noite, os guerreiros saíron do cabalo, mataron aos gardas que coidaban do lugar e abriron as portas da cidade para facer posible a entrada do exército invasor. Esta acción creou a figura dos troianos para sinalar, así, aos perigos ocultos no interior dun recipiente, aparentemente inofensivo, que sen embargo agocha un perigo letal. Véxase o porqué desa nomenclatura para denominar aos virus que introducidos nos sistemas operativos e discos das nosas computadoras, rematan por controlalas a seu antollo. Velaí a estampa dese cabalo de oito metros, un equino de plástico combativo, que percorre Europa, e agora está entre nós, dentro da campaña “TTIPsecret”, ou Tratado de Troia.
Un acordo que se gañou a pulso esa identificación co cabalo da histórica trampa grega polos intentos reiterados dos negociadores de mostralo como un antídoto á crise, e de ocultar a perda de dereitos sen precedentes que trae para a poboación europea, caso do aumento de alimentos transxénicos, carne con hormonas do crecemento e tóxicos nos nosos pratos. Incremento das técnicas socialmente rexeitadas, entre elas o fracking, para extraer enerxías contaminantes que postergan a dependencia enerxética futura.
E moito máis en negativo, froito da presión dos grupos empresarias que están marcando a súa interesada folla de ruta, forzando á perda de control dos estados para obrigalos a indemnizacións millonarias para o caso de mudar lexislacións que afecten negativamente á conta de resultados do negocio, por procesos arbitrais ao seu favor. Coa Troika xogando na equipa contraria, só queda a reacción fronte ao perigo troiano.

CABALO DE TROIKA

Te puede interesar