Buraco acochado

cóntannos os técnicos expertos en antropoloxía forense que na Cova do Uro da serra de O Courel, en tempos do Mesolítico, retrocedendo atrás arredor de nove mil anos, por causa da existencia dun buraco no chan, acochado pola aparente existencia de neve na fatídica data do suceso, unha moza á que chaman Elba foi vítima mortal dunha caída que a levou á caverna formada polo desprendemento de terras, gruta da que non sairía xa viva.
Os seus ósos, atopados no lugar do sinistro, coa verificación do carbono-14 que é como a mítica proba do algodón a respecto da limpeza dun espazo, din que falamos dunha precursora da muller labrega actual, dedicada ao pastoreo do gando entre outras cargas; e, como tal, dobre vítima dunha inxustiza.
Para alén da importancia científica que representa este achado que realmente xa se produciu fai vinte anos aínda que agora provoca un novo interese na prensa, sen entrar na pugna por ver quen atopa o fósil máis antigo á hora de liderar unha lista de clasificación en competencia que semella enlear aos arqueólogos por colocarse a medalla do campión á hora de patentar restos fósiles máis e máis antigos, con tal cantidade de miles de anos de existencia que producen mareo; aquí no buraco acochado da cova luguesa, causante da traxedia de Elba, hai simboloxía actual.
É a metáfora da ocultación dunha realidade incómoda que produce a orientación dominante da información, ás veces pura propaganda, para desviar a fixación sobre graves inxustizas sociais.
Velaí, co foco da carga morbosa sobre a decisión portuguesa de pechar fronteiras á vella maneira de impedir o libre paso entre veciñanza dun territorio común, por causa dunha visita papal que non vai ver mellorada a súa seguranza con este xeito de actuar; non se presta espazo á catástrofe humana que está ocasionando unha cifra escandalosa de mortes na migración polas augas do Mediterráneo; con datos de máis de medio milleiro de vítimas afogadas nas últimas semanas. Precisamente esa sería a vontade do Papa Francisco, que se coñecese a realidade dunha situación que debe avergoñar á clase política dirixente europea; para que reaccione de vez.
Acochar é poñer fóra da vista algo. O que se fai aquí coa estatística que amosa a unha de catro persoas en situación de pobreza, radiografía da desigualdade que é o gran buraco dunha política económica e laboral, inxusta e inaceptábel.

Buraco acochado

Te puede interesar