• Lunes, 18 de Diciembre de 2017

O bisturí maligno na sanidade

Bisturí é o instrumento cortante en forma de pequeno coitelo que se usa para practicar incisións cirúrxicas

Bisturí é o instrumento cortante en forma de pequeno coitelo que se usa para practicar incisións cirúrxicas; e dicir, un aparello froito da evolución técnica que nas mans dos profesionais sanitarios contribúe á restauración da saúde danada, facendo sempre o ben. Porén, na súa versión de iniciativa política tendente ao recorte de dereitos nas prestación dos servizos da sanidade pública,  por medio de modificación legal que somete á discriminación a moitas persoas polo feito de residir en áreas do territorio que verán diminuída a súa categoría, e co paso do tempo o nivel asistencial; o bisturí convertido en anteproxecto de lei é un tumor maligno que vén infectando gravemente ao principio de igualdade de trato; patoloxía crónica dunha folla de rota afecta ao negocio mercantil.  
Por iso, non é só un aspecto de forma criticábel o feito de que os responsábeis da Consellería de Sanidade, e por extensión a totalidade do goberno da Xunta, agardaran ao período dos días de verán nos que a xente está máis afastada dos seus lugares de residencia habitual e da relación coa súa veciñanza cotiá para iniciar o limitado espazo de tempo,  que rematará o próximo 17 de agosto, para enviar suxestións ao “Anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia”, norma que está a berrar por unha contundente resposta de rexeite desde o portal de “transparencia e goberno aberto” ao dispor da cidadanía na rede de internet.
Velaí, o antes dito é proba da manobra por furtar á opinión pública a capacidade de mobilización rápida e urxente sobre o fondo da iniciativa que, entre outros moitos aspecto merecentes de oposición, proponse eliminar as Áreas Sanitarias do Salnés, Monforte, O Barco e Burela, modificando o actual mapa sanitario, para colocar a estes hospitais nunha segunda división baixo o rótulo de distritos. É un paso máis, teimoso e orientado ao fin último inconfesábel, avanzado coa anterior organización das áreas de xestión integradas, proba piloto do que agora se estende á organización xeral do Sergas. 
O desmantelamento destas áreas sanitarias é contrario mesmo aos principios sinalados na Lei Xeral de Sanidade, que recolle que se crearán as áreas de saúde tendo en conta os factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación. Achegar os servizos ás persoas. Toca reacción.