• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

A bandeira negra ondea no litoral

Adegradación do medio natural costeiro galego é unha evidencia que non ofrece discusión, salta á vista do máis benévolo observador.

Adegradación do medio natural costeiro galego é unha evidencia que non ofrece discusión, salta á vista do máis benévolo observador. O prestixioso informe dunha afamada entidade de acción ecoloxista vén de marcar, co distintivo simbólico dunha Bandeira Negra, os seis espazos da nosa costa merecentes de tal cualificación, entre moitos outros que non distan desta mesma identificación. É unha seria chamada de atención en tempo límite para evitar a desfeita total.
Ecoloxistas en Acción, entidade promotora do informe, non descansa en denunciar as barbaridades que se cometen acotío no litoral, enfrontando deste xeito a estampa pouco realistas da situación sostíbel dos ecosistemas costeiros, como por exemplo a que se persigue coa enganosa imaxe da concesión dunhas Bandeiras Azuis que nada teñen a ver cun bo estado ambiental das praias. Velaí está o informe recentemente publicado pola Axencia Europea de Medio Ambiente sobre a calidade das augas de baño, alertando da mala situación de praias e ríos no que solicitaba o peche de 34 zonas de baño en Europa das que 31 están no territorio español, maioritariamente en Galiza. No devandito estudio España ocupa podio, formando parte dos tres países da Unión Europea con máis zonas non aptas para o baño. 
O informe Bandeiras Negras limita ás dúas denuncias máis graves de cada provincia costeira, unha por contaminación e outra por mala xestión froito das actuacións irresponsábeis por parte dos poderes públicos. É, por iso, que no caso galego a relación só inclúe a grave situación creada polo Complexo de Alúmina en San Cibrao, “a cuarta empresa que máis contamina en Galiza, con verteduras que poden afectar a saúde das persoas”; ao que suma o efecto degradante do urbanismo que se fixo na Mariña luguesa como “modelo do que non hai que facer, causante de paisaxes desfeitas, urbanizacións pantasmas e vivendas a medio construír ou abandonadas”.
A “falla de depuración eficaz” e o nivel “alarmante de contaminación” colocan a ría de Ferrol no mérito do farrapo negro que, para o litoral coruñés, tamén sinala a xestión do investimento descontrolado na obra do porto de punta Langosteira, cuestionado por non ter asegurado futuro. Na costa pontevedresa, o complexo Ence e Elnosa, coa renova prórroga, “é responsábel da contaminación do aire e do mar, impide o saneamento da ría e destrúe o seus recursos pesqueiros e marisqueiros; inflúen na saúde das persoas e do medio natural”. Negro panorama.