O augurio do cometa

Ocometa Catalina está de paso, na súa viaxe errática polo sistema solar interior, amosándose visíbel no seu punto de aproximación máxima ao Planeta Terra. Este corpo celeste fráxil, pequeno e irregular ten unha forte carga cultural, na tradición evolutiva da humanidade, de código de alerta que avisa de grandes males ou presaxia mudanzas e cambios relevantes. Vai ser isto, abofé. Catalina, foi así bautizado polo grupo de sabios astrónomos que teñen a responsabilidade de dar personalidade toponímica a estes seres constituídos por un núcleo de xeo e rochas ao que sigue unha cola formada por gas e po, unha vez entran no espazo solar a causa dun empurrón gravitacional provocado pola atracción dunha estrela de paso, un xeito de accidente nese mundo do sistema exterior chamado Nube de Oort no que residen miles de millóns en total anonimato ata que son detectados polo radar da NASA unha vez inician o vagabundeo de camiño ao Sol. Non todos son así, outros manteñen unha regular órbita. Caso do Halley que aparece de xeito periódico diante da nosa vista. Porén, Catalina non retornará nunca máis á retina dos nosos ollos.
Para alén do secular mito da anunciación que todo cometa representa, Catalina chega no tempo de conmemorar aos Magos de Oriente que guiados pola Estrela de Belén foran render tributo de honra ao Mesías nacido nas terras de Xudea. Este fenómeno bíblico vén sendo obxecto dunha longa controversia a partir dun relato metafórico escrito coa finalidade de darlle corpo a unha historia de base espiritual, máis ou menos axeitada aos acontecementos reais. Sen embargo, son públicos os criterios que sinalan o nacemento de Cristo cinco ou seis anos antes do sabido, sen precisar o día, que estaría entre marzo e abril; e, deste xeito, conclúen que os Magos, simples astrónomos babilonios, iniciaron o seu percorrido interpretando a mensaxe dunha conxunción astral na que “o rei dos Planetas, Xúpiter, aliñouse con Saturno, símbolo da xustiza, dentro da constelación de Piscis, identidade do pobo xudeu”. Meu dito, meu feito. Aos camelos, cara Belén. Dous milenios máis tarde, os refinados logaritmos da moderna tecnoloxía informática non son quen de traducir esta nova mensaxe cósmica. Aquí abaixo o código apunta máis certeiramente. A ficticia mellora do emprego, a perda no poder adquisitivo de salarios e pensións, sumadas ao enredo político, auguran continuidade dunha crise cebada sobre as persoas máis desfavorecidas.

O augurio do cometa

Te puede interesar