ÁRABE BO, ÁRABE MALO

Opresidente americano, Barack Obama, vén de pedir ao Congreso que autorice a continuación da intervención militar dos EEUU contra o Estado Islámico, perante unha duración limitada de ata tres anos. Debate que se dirimirá na Cámara de Representantes nos próximos días coa tensión que é de agardar nunha clase política tirada ao monte, porén escarmentada co efecto de inutilidade da presenza directa das súas de tropas en Oriente Medio. As intervencións militares, eufemismo de guerra pura e dura, no Irak e máis en Afganistán son mostra do que a propia Casa Branca vén en considerar “política exterior baseada en parvadas”.
Non lles falta razón. Resultando que na práctica a intervención americana contra do Estado Islámico é xa un feito incuestionable desde fai tempo, esta petición de autorización, ademais do formalismo legal que a esixe, responde a unha pose para a galería. Poida que sexa tamén un farol a xeito de ameaza para os rebeldes árabes obxecto da represalia. Sen embargo, os guerreiros dese peculiar Estado Islámico non semellan estar amedrentados. A propia comunicación que producen as axencias de intelixencia a respecto dos efectos da acción militar ten o tufo dunha esaxeración.
Fálase de operacións limitadas para eliminar aos líderes do Califato, cirurxía practicada con ese bisturí que son os avións non tripulados; e, ao tempo, de ter causado sete mil mortes entre as tropas dese territorio. As contas non cadran. A petición mostra que os bombardeos aéreos dos últimos meses non deron o resultado agardado ou que son insuficientes para frear ao Estado Islámico, pero en ningún caso significa que as tropas terrestres vaian entrar nese deserto. Na operación pénsase en efectivos dos países amigos na zona co armamento e a tecnoloxía americana. Porque, para a estratexia da Coalición Internacional, hai árabes bos, e árabes malos. Un papel que pode mudar no tempo. Véxase o caso do réxime gobernante en Siria, que pasou de ser obxecto dun intento de intervención militar por utilizar armas químicas, a ser aos poucos meses un aliado fundamental. Diplomacia mercantil.

ÁRABE BO, ÁRABE MALO

Te puede interesar